Rubén Cela empraza o alcalde a esixirlle a Fomento persoal para a obra de Conxo ou a abrir o carril

Rubén Cela empraza o alcalde a esixirlle a Fomento persoal para a obra de Conxo ou a abrir o carril

O BNG colocou dúas pancartas na avenida de Antón Fraguas para requirir unha solución aos atascos que padecen milleiros de persoas cada xornada

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2015.- Membros da candidatura do BNG-Asembleas Abertas trasladáronse ás inmediacións das obras do paso inferior da rotonda de Conxo para requirirlle a Agustín Hernández que tome unha determinación que, en palabras de Rubén Cela, consiste en “empezar a exercer dunha vez como alcalde e esixirlle ao Ministerio de Fomento os recursos materiais e humanos suficientes para acometer esta actuación nos prazos prefixados e, polo tanto, axilizar o ritmo de traballo ou a reabrir de inmediato o carril que está cortado ao tráfico”.

Así, o candidato nacionalista destacou que é “impresentábel” o que acontece nesta obra “porque non ten sentido ningún e, non fai falta ser enxeñeiro de camiños para sabelo, ter cortado un carril de tráfico durante catro meses para o que se fai”.

Segundo Rubén Cela, é evidente que unha obra cun prazo de execución de 12 meses que leva consumido un terzo dese tempo e permanece nesta situación actual, con total probabilidade non estará concluída a comezos de 201. Ademais, considerou que é “unha falta de respecto total e absoluta para a veciñanza de Conxo, comerciantes, persoas usuarias e traballadoras do hospital provincial e ao conxunto da cidadanía que se ve abocada a utilizar este paso a diario”.

Lembrou tamén que hai tres anos fora Conde Roa, con Albino Vázquez Aldrei, quen cortaran un dos xiros da rotonda coa escusa de que “era temporal” e durou tres anos, que o inicio das obras se anunciara para outubro do ano pasado e, finalmente, comezou en 2015 e agora teña unha demora “tan evidente”.

Na visita realizada pola ministra de Fomento, explicárase que estas obras supoñen un investimento de 5,35 millóns de euros e ían beneficiar 38.000 vehículos que transitan a diario por este lugar.

Rubén Cela empraza o alcalde a esixirlle a Fomento persoal para a obra de Conxo ou a abrir o carril