PRAZA DE ABASTOS

Rubén Cela empraza o Goberno de CA a solucionar o conflito da nave 5 da praza de abastos

O BNG xa advertira de erros e contradicións nos pregos de concesión dos postos “e de que a resultante final acabaría en locais tradicionais de hostalaría”

Rubén Cela empraza o Goberno de CA a solucionar o conflito da nave 5 da praza de abastos

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou un chamamento ao equipo de Martiño Noriega “para buscar unha solución razoábel ao conflito xerado polo propio Goberno municipal na nave 5 da praza de abastos”.

Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, o arranxo da praza de abastos fíxose con diñeiro público e procuráronse novos usos para a nave 5. Así, o PP propuxo destinalo a bares, a asociación de hostalaría a un espazo autoxestionado de exhibición sen ánimo de lucro, o BNG defendeu outros usos que desvirtuasen menos o contido do mercado como podían ser crear máis postos de praza con servizos complementarios, mentres CA apostou por un take-away con comida para levar mais na práctica se asemella ao proxecto do PP para consumir comidas e bebidas in situ.

Lembrou Rubén Cela que o BNG xa advertira que os pregos de concesión dos postos da praza de abastos “estaban moi mal feitos e que a resultante final acabaría en locais tradicionais de hostalaría, con elaboración e consumo de produtos e bebidas, e non en comida para levar”. Estes pregos eran ambiguos nalgúns puntos, contraditorios e abren vías á interpretación subxectiva.

Así, prodúcese un agravio para quen non optou aos postos ao entender que había que cumprir as condicións de venda expostas nos pregos, mais tamén para quen investiu nos negocios abertos que agora o Goberno de CA ameaza con sancionar pola contradición das bases sobre o consumo e venda na nave 5.

 

 

Rubén Cela empraza o Goberno de CA a solucionar o conflito da nave 5 da praza de abastos