Rubén Cela indica que a liquidación de 2016 desvela que non se investiu para a creación de emprego

Dos 80.000 euros consignados a Protocolo, gastouse o dobre (199%); e dos 288.799 de Publicidade, un terzo máis (145%)

Rubén Cela indica que a liquidación de 2016 desvela que non se investiu para a creación de emprego

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha valoración da liquidación de 2016, onde quedaron sen investir 83 de cada 100 euros do Orzamento municipal.

Considerou tamén unha falta de respecto, aos grupos da oposición e aos medios de comunicación, o feito de que a concelleira de Facenda presentase datos parciais o venres 23 de xuño e aínda o martes 27 estaba sen publicar na web a documentación para cotexar a totalidade da información. Deste xeito dificúltase o traballo de fiscalización e isto é especialmente grave se temos en conta que isto tiña que estar presentado o 30 de marzo segundo marca a legalidade.

Sabiamos que a execución do capítulo VI era moi baixa, do 22%, tal como adiantou o venres a concelleira; mais dos 4 millóns de euros executados, 1 millón correspóndese coa sentenza do parque de bombeiros, polo que o grao de execución real das obras orzadas para o exercicio 2016 foi dun 17%

A isto súmase o descenso de investimento por habitante, pois o ano pasado alardeaban de pasar dos 70,32 euros/habitante en 2014 co PP a 92,58 euros/habitante en 2015; mais en 2016 o investimento foi de 62,03 euros por habitante.

Sobre o superávit, indicou que desde 2011 a 2016, este último foi o ano con maior remanente de tesourería: 7.762.890 euros; 2,3 millóns de euros máis que en 2015. “Igual que Conde Roa ou Montoro, inténtase vender isto como un éxito, cando realmente é un fracaso de xestión pois non se gasta menos por aforrar, senón por incapacidade de executar”, explicou, “renúnciase a un único instrumento real de intervención na economía local e creación de postos de traballo, polo que eses millóns non serán executados para solventar deficiencias na cidade”.

Ademais, na redución da débeda, véndese como éxito propio algo que é por imperativo legal, “mais non ten sentido endebedarse e pagar xuros co obxectivo de realizar investimentos, logo non realizalos e usar ese fondo para amortizar anticipadamente a débeda”, o que entronca coa política financeira practicada polo PP nos últimos anos.

 

Referiuse tamén ao capítulo IV, no relativo ás subvención a entidades sen ánimo de lucro onde estaban consignados 1,5 millóns de euros e deixaron 855.307 euros sen executar (66% sen executar). Porén, dos 80.000 euros consignados a Protocolo, gastouse o dobre (199%) e dos 288.799 de Publicidade un terzo máis (145%).