Rubén Cela: “A licitación da obra do paso inferior da rotonda de Conxo chega tarde”

Rubén Cela: “A licitación da obra do paso inferior da rotonda de Conxo chega tarde”

“Agardamos que se poida executar coa máxima celeridade posíbel e cos mínimos prexuízos á veciñanza de Santiago”

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista en Raxoi, Rubén Cela, sobre a publicación da licitación do paso inferior da rotonda de Conxo no Boletín Oficial do Estado, afirmou que tanto o BNG como a veciñanza de Santiago levaba moito tempo demandando esta obra.

“Congratulámonos que dunha vez por todas pasemos das promesas incumpridas a anuncios no Boletín Oficial do Estado”, expresou, “pero sen tempo non era”. Así, lembrou cando Conde Roa e Vázquez Adrey inauguraron “aquela suposta solución temporal de bloquear un dos pasos da rotonda de Conxo aínda que até hoxe pasaron tres anos”.

Aludiu tamén aos prexuízos de todo este período e os que quedan ao anunciar a licitación deste túnel de Conxo, mais aínda queda procedemento para adxudicar, executar e recibir a obra. “De aquí a que poidamos usar ese paso inferior queda unha longa travesía, que teñen que padecer os veciños e as veciñas de Conxo, o persoal e persoas usuarias do Hospital provincial e a xente todos os días sofre as retencións nese lugar”, explicou.

“A licitación chega tarde e agora agardamos que se poida licitar e executar coa máxima celeridade posíbel e cos mínimos prexuízos á veciñanza de Santiago”, indicou.

Visita da ministra de Fomento

O BNG agarda que esta visita da titular de Fomento “sirva para algo máis que para sacar unha foto” e que o alcalde teña presente que o Ministerio ten pendentes unha serie de compromisos incumpridos moi importantes con Santiago. Así, Rubén Cela apuntou a mellora da seguridade ferroviaria na entrada a Santiago, a estación intermodal, o desdobramento da entrada do Polígono do Tambre, a seguridade viaria no Eixo e na Sionlla, o desdobramento da autoestrada AP-9 ou os usos da vella terminal de Lavacolla.

Rubén Cela: “A licitación da obra do paso inferior da rotonda de Conxo chega tarde”