PLENO

Rubén Cela, na comparecencia sobre os locais da Cidade Histórica

copas
copas

“O Concello debe xogar un papel máis proactivo na revisión da normativa”

Rubén Cela, na comparecencia sobre os locais da Cidade Histórica

Para o BNG, cómpre revisar a situación actual e manter unha vía de diálogo, con todas as partes, para facer compatíbeis estas actividades económicas cunha norma clara e adaptada á realidade actual destes locais emblemáticos, con prazos e marxes suficientes para garantir a seguridade e o mantemento destes locais que dan vida á Cidade Histórica

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2016.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, na comparecencia do concelleiro de Espazos Cidadáns sobre a polémica aberta sobre os locais da Cidade Histórica, manifestou que “dende o BNG, como sempre fixo, quérese diferenciar o debate do ámbito da investigación xudicial do da responsabilidade política”; nese sentido reclamou celeridade para esclarecer, canto antes, o acontecido e recuperar a normalidade e que o Concello xogue “un papel máis proactivo na revisión da normativa”.

Así, Rubén Cela afirmou que o BNG se congratula de que o concelleiro Jorge Duarte ofreza unha explicación no Pleno e o faga motu proprio. “Nós sempre defendemos que non se deben xudicializar os temas políticos. Mais tamén defendemos que debe haber un trato igualitario e sen privilexios para todos os estabelecementos”, explicou.

“Consideramos que o Concello debe buscar un punto de equilibrio e, nese sentido, pode e debe facer moito máis para conseguir unhas condicións idóneas de habitabilidade na zona vella”, engadiu. “Máis alá desta investigación aberta, cómpre revisar a situación actual e abrir unha vía de diálogo, con todas as partes, para facer compatíbeis estas actividades económicas cunha norma clara e adaptada á realidade actual destes locais emblemáticos, con prazos e marxes suficientes para garantir a seguridade e o mantemento destes locais que dan vida á Cidade Histórica”, sinalou.

Así, o BNG demandou publicamente, en reiteradas ocasións, que o Consorcio da Cidade de Santiago abrise e ampliase a liña de axudas para unha mellor insonorización e illamento das vivendas da Cidade Histórica, e para o traspaso de locais antigos. Ese pode ser un camiño para paliar, en parte, a situación. Ademais, xa trasladou con anterioridade unha iniciativa ao Pleno para protexer estabelecementos emblemáticos cun marcado carácter histórico, patrimonial e artesanal co fin de brindarlles axuda para a súa continuidade, como acontece noutras cidades europeas.

Por outra banda, as peculiaridades da Cidade Histórica fan que na actualidade, coa lexislación na man, sexa moi difícil por non dicir imposíbel desenvolver unha actividade económica dentro da norma. Polo tanto, non se pode culpar da situación na súa totalidade a quen desenvolve e dá traballo directo e indirecto nos locais da zona vella compostelá.

Para o BNG, tampouco debe recaer a responsabilidade no persoal funcionario que fai o seu traballo de acordo a criterios técnicos. “O Concello pode e debe xogar un papel máis proactivo na revisión da normativa e na organización dos servizos municipais, para non cargar neles as responsabilidades que non son técnicas, pois cando unha norma non é xusta ou non está adaptada debidamente á realidade é obriga dos gobernos revisala” e, paso seguido, citou a Montesquieu, “as leis inútiles debilitan as necesarias”.

“Por iso, quizais, é necesario flexibilizar e adaptar á realidade algunhas características se queremos que se cumpran parámetros de accesibilidade, insonorización, saída de fumes e saídas de emerxencia, entre outros”, explicou. Non se trata, polo tanto, de clausurar a actividade e deixar esmorecer dese xeito a Cidade Histórica, nin tampouco de abocar os propietarios e as propietarias a non facer cambios nin obras tendo que rexerse por normas anteriores que permitan manter os locais abertos. “Ese non debe ser o método, hai que buscar un equilibrio”, enfatizou.