Rubén Cela: “Non é unha boa nova para Santiago que se fixe data para unha cuestión de confianza"

Rubén Cela: “Non é unha boa nova para Santiago que se fixe data para unha cuestión de confianza"

Santiago non se pode gobernar en base á chantaxe aos grupos da oposición, CA ten que mudar o xeito de facer política porque é incapaz de xerar consensos mínimos en temas fundamentais para a cidade, advirte o portavoz nacionalista en Raxoi

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, afirmou en rolda de prensa que “non é unha boa nova para Santiago que se fixe data para unha cuestión de confianza impulsada polo grupo de Goberno de Compostela Aberta e agardamos que, polo ben da cidade, non se chegue a producir”.

“Se existe vontade política de acordo, aínda hai marxe para introducir cambios nos orzamentos antes da comisión informativa de Facenda prevista para este venres”, indicou. O anuncio do alcalde non colle a ninguén por sorpresa, posto que xa anunciara esa intención moito antes mesmo de iniciar as negociacións dos orzamentos, durante o debate das ordenanzas fiscais, engadiu.

Deste xeito, explicou que vincular a aprobación dos orzamentos a unha cuestión de confianza é legal, mais para o BNG “resulta contraditorio cun xeito de gobernar que prometeu Compostela Aberta e recorda ao propio de maiorías absolutas e ao peor da vella política”. “Se finalmente chegamos á cuestión de confianza, será a imaxe máis gráfica da incapacidade de tender pontes e de chegar a acordos por parte deste Goberno local”, dixo.

Para Rubén Cela, “o diálogo é obrigatorio e o consenso é imprescindíbel”, mais require ceder por parte de CA ao non ter maioría absoluta e precisar apoios, “o que está a provocar unha situación que resulta insostíbel no tempo”.

Así, manifestou que o BNG mantivo unha posición neste proceso “construtiva, coherente, rigorosa e con predisposición total para chegar a acordos”, mesmo sen ter toda a documentación asistiu a todas as xuntanzas con propostas concretas para mellorar substancialmente o borrador de CA.

O portavoz nacionalista destacou tamén que Santiago de Compostela non merece este xeito de funcionar do Goberno de CA, que demostra “incapacidade na xestión diaria e incapacidade para o consenso sobre cuestións claves como ordenanzas fiscais, orzamentos, urbanismo para o que resulta imprescindíbel chegar a acordos”.

Santiago non se pode gobernar en base á chantaxe aos grupos da oposición, CA ten que mudar o xeito de facer política porque é incapaz de xerar consensos mínimos en temas fundamentais para a cidade, concluíu.

Rubén Cela: “Non é unha boa nova para Santiago que se fixe data para unha cuestión de confianza"