Rubén Cela propón que se impulse a rehabilitación da “Casa das Máquinas” de Galeras

Rubén Cela propón que se impulse a rehabilitación da “Casa das Máquinas” de Galeras

O BNG defende recuperar o proxecto do centro Ánxel Casal para a difusión da memoria histórica local, xunto co uso polivalente que precisa a asociación veciñal

casa.maquinas

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, proponlle ao Goberno municipal que impulse o proxecto para rehabilitar a coñecida como “Casa das Máquinas” de Galeras para crear o centro Ánxel Casal, concibido como un espazo público, aberto e participativo, que combine os usos multifuncionais que require a asociación veciñal coa recuperación da memoria histórica local, a creación artística e o labor sociocultural.

Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, o estado de conservación deste inmóbel é “ruinoso e mesmo podería supor un perigo para viandantes polo mal estado da cuberta, sobre todo, os días de temporal de vento e de chuvia que adoitan desprenderse tellas”. Ademais, subliñou que se trata dun dos exemplos de arquitectura industrial de Compostela; en concreto o edificio foi construído entre 1917 e 1919 cun proxecto do arquitecto López de Rego, autor tamén do Palacete da Finca do Espiño.

Referiuse, ademais, a que existe unha alta demanda na zona dun espazo sociocultural e de usos múltiples por parte do asociacionismo veciñal e incluso do centro Raíña Fabiola onde desenvolver actividades. Por estes motivos, o BNG considera necesario darlle prioridade a esta actuación e planificar os usos dotacionais deste equipamento, que na actualidade ten un uso urbanístico previsto como sociocultural de titularidade pública e está cedido ao Concello por parte de Fenosa dende 2001. Isto debera facerse, a xuízo do portavoz nacionalista en Raxoi, “de xeito coordinado cos usos do Palacete da Finca do Espiño, que se atopa nas inmediacións”.

Así, lembrou que a comezos de ano se aprobou na Comisión Asesora de Patrimonio Histórico un proxecto de rehabilitación da “Casa das Máquinas” por 348.000 euros, cun prazo de execución de 6 meses, e para o BNG cómpre proseguir esa actuación prevista e recuperar o proxecto do centro Ánxel Casal, complementado coas necesidades actuais de espazo multifuncional que require a asociación veciñal. No proxecto do BNG de 2009, este inmóbel ía ser destinado ao estudo e divulgación da historia local, recuperación da memoria histórica, proxección exterior de Compostela e difusión da figura do propio Ánxel Casal.