INFRAESTRUTURAS

Rubén Cela: “Rajoy debía vir anunciar que o Goberno español asume a petición do Parlamento de Galiza para a transferencia da AP-9”

Acto de protesta contra a suba das peaxes
Acto de protesta contra a suba das peaxes

“Tememos que o enlace orbital vai ser mutilado porque non responde ao proxecto inicial posto que xa sufriu un recorte orzamentario de 45 a 27 millóns”

Rubén Cela: “Rajoy debía vir anunciar que o Goberno español asume a petición do Parlamento de Galiza para a transferencia da AP-9”

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2017.- O BNG realizou unha protesta simbólica contra a suba das peaxes da AP-9, na que participaron Rubén Cela e Goretti Sanmartín Rei, en coincidencia coa inauguración do enlace orbital por parte do presidente do Goberno español, Mariano Rajoy. “Trátase dunha das maiores estafas legalizadas que hai no noso país, que é a autoestrada da AP-9, pois é aberrante que Rajoy veña inaugurar na práctica unha suba das peaxes directa do 2% e outra en diferido doutro 2% que vai supor que as peaxes galegas van ser as que máis suban do conxunto do Estado español”, explicou Rubén Cela.

“Parécenos un atraco se temos en conta que dende 2010 as peaxes da AP-9 aumentaron un 36% mentres que o IPC só o facía nun 9,8%, é dicir, subiu catro veces máis a peaxe que o custe da vida”, sinalou. Tendo en conta que a actual concesionaria da autoestrada ingresa 380.000 euros ao día e que en 2011 prevía embolsar 1.500 millóns de euros de beneficios até 2048, consideramos que todo o que se está a facer contribúe a engordar as contas de resultados de empresas foráneas con fondos de capital risco norteamericano, engadiu.

“Rajoy debía vir anunciar que o Goberno español asume a petición unánime do Parlamento de Galiza para a transferencia da AP-9”, dixo, “para que poidamos controlar e xestionar dende Galiza a columna vertebral das comunicacións e se non quere anunciar o rescate da concesión, cando menos, que proceda a un abaratamento paulatino das peaxes da AP-9 e de descontos, porque cartos para as radiais madrileñas teñen”.

Demandou tamén maior compromiso por parte do Ministerio de Fomento co enlace orbital, “pois tememos que vai ser mutilado porque non vai responder ao proxecto inicial posto que xa sufriu un recorte orzamentario de 45 a 27 millóns e, posibelmente, non se complete o enlace coa N-550”, afirmou.

O portavoz municipal reclamou tamén infraestruturas pendentes “como a estación de mercadorías da Sionlla, a humanización do paso inferior de Conxo, medidas de seguridade viaria tanto na N-550 á altura da Sionlla como na N-525 á altura do Eixo que son importantes e están fóra de axenda”.