MOBILIDADE

Rubén Cela reclama o mantemento dos aparcadoiros públicos e a construción dos novos comprometidos

aparcadoiro.pontepedrinha
Aparcadoiro da Pontepedriña

Demanda tamén estacionamentos disuasorios en orixe e a mellora das frecuencias do transporte metropolitano

Rubén Cela reclama o mantemento dos aparcadoiros públicos e a construción dos novos comprometidos

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, advertiu da falta de mantemento dos aparcadoiros públicos da cidade e dos “incumprimentos sistemáticos de compromisos para crear novos aparcadoiros públicos, tanto por parte do Goberno municipal de Santiago como da Xunta de Galiza”.

Na rolda de prensa acompañou imaxes do estado de deterioración de diversos aparcadoiros públicos con fendas, maleza, fochancas, lousas levantadas e varandas rotas e enferruxadas. Deste xeito, esixiu “unha política de mantemento destes aparcadoiros que xa existen”.

Hai unha serie de acordos, aos que se comprometeu o grupo de Goberno co grupo municipal do BNG para a aprobación dos Orzamentos de 2017, para a execución dunha actuación de remodelación do aparcadoiro lindeiro ao Conservatorio Profesional de Música e a posta a punto da rúa Altiboia. “O mesmo acontece para o aparcadoiro do campus sur, que tamén fora un compromiso na negociación dos Orzamentos 2017 e para garantir a abstención no último”, dixo, “para o que fixeron un anteproxecto e non se avanzou máis”. Está comprometido en Pleno municipal un sistema de rotación de vehículos para o aparcadoiro da Pontepedriña, debaixo do viaduto da liña de ferrocarril, ou outro aparcadoiro ao que se comprometeu o concelleiro Jorge Duarte nas inmediacións da Escola Oficial de Idiomas e que daría servizo tanto ao campus norte de Santiago como á veciñanza de Vista Alegre e Vite que, en moitos casos, non teñen garaxes particulares.

En canto aos incumprimentos da Xunta, no ano 2012 o conselleiro daquela Agustín Hernández anunciaba un plan de aparcadoiros disuasorios para as sete cidades galegas “que, xa denunciamos no seu día que era moito fume e propaganda na véspera dunhas eleccións pero con pouco contido real, para 8 aparcadoiros en Santiago de Compostela”. Aquel plan tiña que estar executado antes de rematar 2016, mais o único que está feito é o aparcadoiro disuasorio da Pontepedriña. “O resto foi papel mollado”, afirmou. Referiuse tamén á situación dos aparcadoiros públicos do Hospital Universitario de Santiago e do Provincial de Conxo, “unha situación de vergoña nestes espazos”. “A Xunta e o Concello non poden estar pasándose a pelota seguido e ten que haber boa colaboración institucional para buscar unha solución definitiva nos aparcadoiros da área sanitaria de Santiago de Compostela”, engadiu.

Para o BNG, isto debe complementarse con aparcadoiros disuasorios en orixe: O Milladoiro, Bertamiráns, Cacheiras, Sigüeiro e demais núcleos de poboación de onde parten a diario milleiros de vehículos privados para desprazarse aos postos de traballo en Santiago de Compostela ou a deixar cativos/as en centros educativos, a realizar compras ou para pasar o tempo de lecer. Para iso, cómpre mellorar as frecuencias do transporte metropolitano para que sexa efectivo este cambio de modelo de mobilidade, explicou.

Rubén Cela reclama o mantemento dos aparcadoiros públicos e a construción dos novos comprometidos