MOBILIDADE

Rubén Cela sinala que CA “constrúe a casa polo tellado” ao presentar cambios no transporte público antes que o plan de mobilidade

O Goberno local desbotou fórmulas alternativas de xestión como, por exemplo, mediante unha empresa mixta público-privada

Rubén Cela sinala que CA “constrúe a casa polo tellado” ao presentar cambios no transporte público antes que o plan de mobilidade

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2017.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, manifestou que o BNG está de acordo “en dignificar o transporte público, en que é necesario renovar a flota de buses tanto para substituír os vehículos avellentados como para ter diferentes tipoloxías, máis ecolóxicos e eficientes e accesíbeis porque, na actualidade, non están adaptados para unha parte importante da poboación con problemas de mobilidade”.

“Tamén somos coincidentes en mellorar as frecuencias dos buses e en evitar os solapamentos que existen, ademais da necesidade de chegar a determinadas parroquias e lugares do rural que actualmente non teñen este servizo público”, engadiu. Referiuse ademais á necesidade de ampliar o número de bonificacións do transporte público, sobre todo, pensando en persoas que están en situación de desemprego.

Mais cuestionou que estes cambios fanse antes de ter o plan de mobilidade urbana e sostíbel, “pois hai máis dun ano que se anunciara e nin sequera está licitado”. “Parece un pouco raro que un plan de mobilidade que ten que estudar todos os fluxos de tráfico e solucións globais se faga despois dun cambio deste tipo”, afirmou. Para o BNG, dese estudo sairán unhas conclusións e unha proposta de acción e, unha delas debía ser a modificación da rede de transporte público nunha determinada dirección. “Nese sentido”, dixo, “se está a construír a casa polo tellado”.

Parece curioso que Compostela Aberta desbotase fórmulas alternativas de xestión, igual que para a ORA e guindastre; vaise seguir co mesmo modelo que o anterior cunha concesión privada e non se valorasen en maior profundidade outros modelos de empresas mixtas público-privadas. Tamén preocupa a demanda do rural, porque non queda claro como se vai implementar, explicou Rubén Cela. “O único que se sabe é que vai ser un contrato diferenciado, nin se sabe canto vai custar a maiores ás arcas públicas, porque van ser 20 buses a maiores dos que xa existen, a renovación dos que teñen máis de 16 anos e a contratación de 60 traballadores máis”, sinalou. “Se a iso lle sumas novas bonificacións e a conxelación das tarifas é evidente que o custe para as arcas públicas, é dicir, para a veciñanza, vai subir”, advertiu.