PLENO

O BNG reivindicará no Pleno que Santiago de Compostela aposte pola compostaxe para reducir a factura de Sogama

compostaxe
compostaxe

​Cuestiona que o folleto distribuído nas vivendas non informe sobre a separación e tratamento dos residuos orgánicos

O BNG reivindicará no Pleno que Santiago de Compostela aposte pola compostaxe para reducir a factura de Sogama

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2016.- O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno unha moción destinada a que Santiago de Compostela aposte pola compostaxe de residuos e reduza a factura de Sogama.

Entre as propostas concretas e temporalizadas para desvencellar Santiago de Compostela do modelo de Sogama, o BNG avoga por estender de xeito inmediato a compostaxe caseira e comunitaria a todas as parroquias e barrios e por promover a construción dunha planta de compostaxe propia para a cidade.

Para mellorar a calidade da separación e recollida selectiva, en especial no sector comercial e hostaleiro, propón poñer en marcha iniciativas como os sistemas de porta-a-porta e a devolución-depósito-retorno. Require tamén a publicación na web municipal dos datos actualizados e históricos da recollida selectiva de residuos do concello de Compostela, así como a aplicación de xeito automático da rebaixa fiscal a todas as vivendas con composteiro posto que, na actualidade, é unha dedución rogada e seguen a constar casos en que non se aplica.

Distribución dun folleto que omite o tratamento dos residuos orgánicos

O folleto informativo que estes días a veciñanza de Compostela está a recibir nas súas vivendas “Sabes canto pagas polo lixo e por que” mantén o modelo de Sogama e non fai ningunha mención a qué facer cos restos orgánicos, que supoñen perto do 50% dos residuos domésticos. Os biorresiduos son a fracción do lixo máis facilmente reciclábel, a través da compostaxe a pequena e mediana escala, e esta aposta é a que suporía o verdadeiro aforro para as arcas municipais. Nesa publicación lémbrase o obxectivo recollido na lexislación en materia de residuos de que no 2020 deberá reciclarse o 50% dos refugallos, cifra imposíbel de conseguir sen a xestión dos biorresiduos a través da compostaxe doméstica.

O modelo de xestión de residuos domésticos de SOGAMA, no que participa este concello, está fundamentado na incineración e no vertido, e incumpre sistematicamente a xerarquía de tratamento do lixo que marca a lexislación na materia, resultando antiecolóxico, gravoso para as arcas públicas e ademais supón unha grave ameaza para o medio ambiente e a saúde.

O macrovertedoiro da Areosa recolle xa 5 millóns de toneladas de lixo, segundo cálculos de Adega, que ademais vén de denunciar que parte deste residuos non cumpren os límites legais de contaminantes para seren eliminados deste xeito. Primeiro en Trazo, logo en Ordes e recentemente en Lousame están a xurdir movementos veciñais contra a instalación de novos vertedoiros nas súas comarcas, que agroman consonte mingua o espazo nos complexos de Cerceda e As Somozas.