Santiago será a única cidade galega que non conte con acollemento a mulleres vítimas de violencia

Santiago será a única cidade galega que non conte con acollemento a mulleres vítimas de violencia

O BNG entende que as administracións deben activar todos os recursos posíbeis para garantir ás mulleres o dereito a vivir sen violencia

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2013.- A deputada Ana Pontón e a concelleira Elvira Cienfuegos compareceron en rolda de prensa para demandar a reflexión e a reactivación do compromiso da loita contra a violencia de xénero con motivo da conmemoración o vindeiro luns do Día Mundial da non Violencia Contra as Mulleres.

A nivel municipal, o BNG defenderá no vindeiro Pleno unha moción relativa á necesidade de manter e de incrementar os recursos destinados a previr e a combater a violencia de xénero, facendo efectiva e desenvolvendo a Lei galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero e tamén para demandar o apoio da Corporación para reclamar a posta en funcionamento do Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas de Violencia, “con dotación de prazas de acollida de emerxencia, prazas coas que contan noutras cidades e comarcas de Galiza”, indicou Elvira Cienfuegos.

“O 25 de novembro é unha data arredor da cal é obrigada a reflexión e a reactivación do compromiso contra a violencia de xénero, un dos problemas sociopolíticos máis importantes do noso país e do Estado”, explicou Elvira Cienfuegos, “na última década en todo o Estado houbo 700 mulleres asasinadas, 52 asasinatos no 2012 e no que vai de 2013 xa superamos as 40 vítimas”.

“Mais, malia o desenvolvemento lexislativo dos últimos anos, estamos a ver como o medre do paro e o desmantelamento dos servizos públicos están empobrecendo de xeito especial ás mulleres e afectando gravemente á nosa vulnerabilidade ante a violencia machista”, engadiu.

Así, citou a dependencia económica como un dos maiores obstáculos para as vítimas de violencia de xénero racharen coa relación que pon en perigo as súas vidas. “Estamos a vivir recortes en programas e recursos imprescindíbeis para apoiar as mulleres que deciden dar o paso”, dixo.

Os concellos deben tamén reclamar doutras instancias competentes o cumprimento das obrigas, da garantía do dereito das mulleres a vivir sen violencia.

Deste xeito, o BNG proporalle ao Pleno da Corporación municipal o apoio para reclamar a posta en funcionamento do Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas de Violencia. As obras de acondicionamento deste espazo cedido polo Concello, no que fora a Casa de Acollida, remataron en agosto de 2012 e en setembro do mesmo ano saíu a concurso o mobiliario cunha dotación duns 100.000 euros e financiado con fondos europeos. “Despois de máis de un ano coas instalacións pechadas, parécenos razoábel reclamar que non se agarde máis para abrir este Centro”, engadiu a concelleira nacionalista.

O BNG entende que ademais de sensibilizar e procurar o compromiso social coa erradicación da violencia de xénero, as administracións deben activar todos os recursos posíbeis para garantir ás mulleres o dereito a vivir sen violencia.

Pola súa banda, Ana Pontón sinalou que o Goberno galego non está a facer o reflectido na Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento da violencia de xénero que, entre outas medidas, prevía a apertura do Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas de Violencia no 2009, nin se cumpren os acordos adoptados no Parlamento no que a prazos se refire, xa que se van adiando ano tras ano e agora, despois de varios anos de atraso, anuncian para o primeiro semestre de 2014. “O proxecto deste centro nacerá eivado porque desapareceron del as prazas de acollemento de mulleres en situación de emerxencia o que implica que Santiago vai ser a única das cidades galegas que non conte elas”, sinalou a deputada nacionalista.

“No último ano o Goberno galego modificou os criterios para que as mulleres vítimas de violencia poidan acceder ás axudas, endurecéndoos o que implica unha penalización, nestes tempos de crise, para as mulleres con menos recursos”, concluíu.

Santiago será a única cidade galega que non conte con acollemento a mulleres vítimas de violencia