URBANISMO

Unha sentenza obriga a readmitir e indemnizar o persoal da Oficina de Rehabilitación

Este servizo contribúe ao labor de conservación do Patrimonio histórico, á mellora da calidade de vida da veciñanza e á recuperación dos espazos públicos

Unha sentenza obriga a readmitir e indemnizar o persoal da Oficina de Rehabilitación

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2017.- O portavoz do BNG de Santiago, Rubén Cela, sinalou que unha sentenza xudicial obriga o Concello a readmitir e indemnizar o persoal da Oficina de Rehabilitación que fora despedido.

Segundo anunciou en rolda de prensa, “nunha cidade como Santiago deben ser absoluta prioridade as políticas de rehabilitación, por iso o BNG preguntará por esta sentenza no Pleno de setembro”. Así, referiuse á incidencia na conservación do Patrimonio histórico, á mellora da calidade de vida da veciñanza, tanto no referido á vivenda como á mellora dos espazos públicos, e como elemento de reactivación económica e creación de emprego nun dos sectores máis castigados pola crise.

Lembrou que en maio de 2016 o BNG trasladou ao Pleno a preocupación polo desmantelamento da Oficina de Rehabilitación, cando se despediran 4 das 5 persoas que integraban este departamento alegando que rematara o programa polo que foran contratadas, “a pesar de que non era a primeira vez que acontecía e que sempre se atopara solución para manter o servizo”.

Esta suspensión facíase ademais cando a oficina estaba a pleno rendemento, tramitando as axudas, con prazos abertos e sen dispoñer doutro servizo especializado que asumise esta función. “O resultado práctico é que hoxe existe unha xefatura de servizo mais non existe o servizo”, sinalou.

Unha sentenza obriga a readmitir e indemnizar o persoal da Oficina de Rehabilitación