SANIDADE

O BNG recibe queixas das tarifas abusivas e do servizo ineficiente dos televisores do Hospital Provincial e do Clínico

As empresas que o comercializan non ofrecen información clara

O BNG recibe queixas das tarifas abusivas e do servizo ineficiente dos televisores do Hospital Provincial e do Clínico

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2017.- O grupo municipal do BNG recibiu diversas queixas da Plataforma SOS Sanidade Pública sobre o mal funcionamento do sistema de televisores do Hospital Provincial e do Hospital Clínico, así como das empresas que o comercializan, tanto polo servizo ineficiente que prestan como polas altas tarifas.

En concreto, o uso do televisor oscila entre 4,40 e 9,90 euros diarios segundo o paquete contratado no Hospital Provincial, mentres que no Hospital Clínico a tarifa básica é de 5,50 euros diarios. A estes prezos excesivos, tendo en conta que hai estancias prolongadas que non dispoñen de redución, súmaselle o feito de que o televisor é de uso diario en vez de ter tarifa por minutos e unha vez que se activa, aínda que non se use, non se acumula o depósito de moedas, o que evidencia a finalidade recadatoria e non de prestación de servizo público.

Outra das queixas vai referida a que os modelos son obsoletos e ocupan moito espazo, cando un bo servizo pode dispoñer de pantallas planas. Ademais, estes televisores estaban previstos para o persoal sanitario acceder ao historial de cada paciente, mais esa función nunca se chegou a programar.

A isto hai que engadir a falta de información sinxela para as persoas doentes e acompañantes, o que ocasiona que sexa o persoal sanitario quen teña que dedicarlle tempo a explicar o funcionamento dos televisores, cando é coñecido que os profesionais da sanidade son insuficientes por mor dos recortes e iso non debera estar entre as súas funcións.