XESTIÓN

Xa son tres os servizos municipais externalizados que se prestan sen contrato

Foto: La Voz de Galicia
Foto: La Voz de Galicia

Están en situación irregular a ORA dende xaneiro, os centros socioculturais dende marzo e o pádel do Multiusos Fontes do Sar dende outurbo

Xa son tres os servizos municipais externalizados que se prestan sen contrato

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, advertiu da situación irregular en que se atopan tres servizos externalizados que se están a prestar sen contrato e sen prórroga: a ORA, os centros socioculturais e o pádel do Multiusos Fontes do Sar.

Sobre a ORA e o guindastre, sinalou que o 29 de xaneiro de 2016 a Xunta de Goberno prorrogaba por un máximo de 6 meses o contrato con Setex Aparkisa a pesar de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza anulaba a adxudicación deste contrato con esa empresa. A finais de xullo, rematado o prazo, o Concello volvía prorrogar por 3 meses máis e agora conclúe sen que se coñeza como vai funcionar. Neste sentido, “o BNG avoga por apoiar un proceso de municipalización deste servizo da ORA”, afirmou Rubén Cela, “e non por realizar prórrogas de xeito permanente como está a acontecer, porque levamos 3 prórrogas nun ano e non hai vías de solución”.

En canto á situación dos centros socioculturais, sinalou que a empresa segue a traballar dende marzo sen soporte legal, “cando é un contrato de 1,5 millóns de euros anuais que agora mesmo se está a dar a dedo e levantando dende Alcaldía os reparos que pon Intervención para pagar as facturas correspondentes cada mes”.

A isto engádese o contrato das pistas de pádel do Multiusos Fontes do Sar, que rematou o 12 de outubro e na actualidade se está a prestar este servizo de xeito irregular. Ademais, indicou que se o Goberno local quere vinculalo a XADE pode realizar unha encomenda de xestión e ter solucionado o problema.

Deste xeito, o BNG reclama unha mellor xestión destes servizos municipais para acabar coa situación irregular en que se atopan e ter garantías do bo funcionamento.