Ana Pontón: “O BNG esixe limpeza e hixiene na política”

Ana Pontón: “O BNG esixe limpeza e hixiene na política”

Unha representación do BNG congregouse con vasoiras ás portas do Xulgado para reclamar a dimisión dos cargos imputados e procesados

“Feijóo é incapaz de dar un só paso para restabelecer o nome da cidade de Santiago de Compostela e a ética que ten que presidir a actividade política”

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2014.- Unha representación do BNG congregouse ás portas do Xulgado de Fontiñas, cando entraban os sete membros da Xunta de Goberno do PP de Santiago, para axudarlle simbolicamente á Xustiza a limpar con vasoiras a corrupción e as malas prácticas do Concello compostelán.

A deputada Ana Pontón, en declaracións aos medios, sinalou que “o BNG esixe limpeza e hixiene na política”, como mostra esta “situación vergoñenta e indecente” que padece o Goberno municipal compostelán, na que non só ten responsabilidades o PP de Santiago senón que, en última instancia, o máximo responsábel desta situación é Núñez Feijóo, presidente do PPdeG.

Lembrou que Feijóo asegurou en sede parlamentaria que se estes cargos imputados chegaban a ser procesados, dimitirían “mais xa vemos canto vale a súa palabra, pois é incapaz de dar un só paso que restabeleza o nome da cidade de Santiago de Compostela e a ética que ten que presidir a actividade política nas institucións”.

O BNG segue a esixir limpeza na política e a dimisión de todos os cargos imputados e considera que “Núñez Feijóo é responsábel e cómplice desta situación”, lamentabelmente vai ter que ser a Xustiza quen se encargue de limpar por dentro a casa do PP, porque as persoas imputadas e procesadas nas súas filas seguen aferradas aos cargos a pesar do dano que lle causan á capital de Galiza e de perderen a lexitimidade para continuar como representantes da cidadanía.

Neste xuízo os membros da Xunta de Goberno local están acusados de presunto delito de prevaricación por acordar pagar con fondos públicos a defensa doutro concelleiro imputado por delito de tráfico de influencias, suborno e falsidade documental na operación Pokemon.

Así, este é tan só un dos seis casos xudiciais en que está inmerso o Goberno local do PP de Santiago, que mantén 10 dous seus 13 membros imputados por presuntos delitos de corrupción ou por malas prácticas especialmente graves na xestión municipal.

Ana Pontón: “O BNG esixe limpeza e hixiene na política”