O BNG advirte que un ano despois da traxedia de Angrois non se corrixiu a inseguridade ferroviaria

O BNG advirte que un ano despois da traxedia de Angrois non se corrixiu a inseguridade ferroviaria

A ministra de Fomento e o alcalde de Santiago comprometéranse a para facer unha zona verde e de lecer en Angrois que tampouco se realizou

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, cuestionou que case un ano despois da traxedia de Angrois non se cumpriron os compromisos adquiridos para mellorar a seguridade ferroviaria en Galiza coa implantación do ERTMS nin as promesas da ministra de Fomento e do alcalde de Santiago coa veciñanza para facer unha zona verde e de lecer. “Esta fin de semana terán que realizar a festa no mesmo sitio da traxedia”, afirmou. Ademais, avanzou que o BNG trasladará ao vindeiro Pleno ordinario de xullo unha iniciativa para que se poñan prazos para a execución destes compromisos.

Rubén Cela lembrou que o grupo municipal do BNG levou ao primeiro Pleno que se celebrou tras o accidente ferroviario de Angrois unha proposición “para corrixir o que houbera que corrixir para que unha traxedia así non volvera acontecer”. “Daquela, conseguimos que esa iniciativa se aprobara por unanimidade dos tres grupos; basicamente, o que pediamos era a revisión das condicións das entradas ferroviarias en Santiago de Compostela e a implantación dun sistema de seguridade axeitado”, explicou. “Un ano despois, seguimos agardando”, engadiu.

A ministra Ana Pastor e o alcalde Ángel Currás asinaban dous días despois daquel Pleno a cesión dun terreo de 3.600 metros cadrados emprazado na marxe esquerda do corredor. “Son uns terreos que, por certo, foran previamente expropiados á veciñanza de Angrois para as obras da alta velocidade, para a construción dunha zona de verde e espazo de lecer para a veciñanza”, indicou.

Naquel acto, o alcalde Currás, a pesar de que a ministra non se comprometía co fundamental, que era o arranxo das medidas de seguridade, agradecía “a sensibilidade da ministra” por facer realidade unha vella demanda da veciñanza de Angrois. Un ano despois ese compromiso segue sen materializarse. “Tendo en conta a absoluta falta de sensibilidade que hai con este tema, até non sería de estrañar que o volvan presentar xusto uns días antes do aniversario, pero o certo é que na actualidade eses terreos están igual que hai un ano e esta mesma fin de semana a veciñanza de Angrois celebrará as súas festas no mesmo sitio da traxedia”, afirmou Rubén Cela.

Incumprimentos e negación de PP e PSOE a esclarecer as responsabilidades

Así, subliñou que un ano despois “nin cumpriron as peticións realizadas desde este Concello de implantación do ERTMS nin cumpriron, cando menos de momento, as súas promesas cos veciños e veciñas de Angrois”.

Acusou tamén que PP e PSOE non facilitasen “o esclarecemento do acontecido cun pacto para cubrirse as responsabilidades mutuas”, pois se negaron a crear as Comisións de Investigación no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados, tal e como demanda o BNG, para que se puideran analizar aspectos complementares á investigación técnica e xudicial.

Rubén Cela fixo referencia tamén ao auto do xuíz onde se expresa que “é unha imprudencia que tantas vidas dependan da pericia dunha persoa, cando existen mecanismos técnicos ao noso alcance para evitar traxedias en caso de erros ou imprudencias do maquinista”. Máis recentemente, o xuíz Aláez acusou de cometer unha “clamorosa infracción da normativa” para acelerar as obras a cambio de rebaixar a seguridade ferroviaria.

Discriminación de Galiza na seguridade ferroviaria e nas infraestruturas

Todo isto evidencia algo que o BNG cuestiona dende hai anos, “é unha clara discriminación de Galiza con respecto a outros lugares do Estado onde contan con todas as medidas de seguridade posíbeis”, afirmou.

“Polo tanto, ao noso xuízo existen responsabilidades políticas ante a decisión de acurtar prazos e de recortar economicamente na dotación do sistema de seguridade que lle correspondía a este tramo, desoíndo incluso as advertencias sobre a perigosidade desa curva”, advertiu.

Engadiu tamén que “é máis grave, se cabe, que un ano despois os trens sigan pasando pola curva da Grandeira coas mesmas medidas de in-seguridade que hai un ano, cando se produciu o accidente, baliza arriba, baliza a abaixo”.

Por este motivo, o BNG volverá levar este tema a Pleno, “pero non nos imos conformar con que se volva aprobar formalmente, non imos parar até que se corrixa o que haxa que corrixir para que unha catástrofe así non se volva repetir porque é o mínimo que se lle debe ás vítimas e aos seus seres queridos”.

“Estes días falarase moito de homenaxes, pero realmente o mellor xeito de lembrar as vítimas é coñecendo toda a verdade do que aconteceu, coa depuración de todas as responsabilidades e, sobre todo, coa corrección dos mecanismos de seguridade para que nunca máis volva teñamos que vivir algo así”, concluíu.

O BNG advirte que un ano despois da traxedia de Angrois non se corrixiu a inseguridade ferroviaria