O BNG afirma que os incendios responden a un modelo forestal nefasto

O BNG afirma que os incendios responden a un modelo forestal nefasto

Rubén Cela recoñeceu o traballo de todas as persoas que interviñeron nos traballos de extinción

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2016.- O grupo municipal do BNG, a través do seu portavoz Rubén Cela, afirmou en rolda de prensa logo dos incendios iniciados no día de onte nas parroquias de Santa Cristina e San Xoán de Fecha que estes responden a un modelo forestal nefasto.

Rubén Cela recoñeceu o traballo de todas as persoas que interviñeron nos traballos de extinción, especialmente a policía local, protección civil e bombeiros nuns traballos especialmente complicados polo forte vento e pola proximidade do lume ás vivendas.

Santiago está declarado zona de alto risco no Plan de prevención e defensa contra incendios forestais. Neste sentido, o portavoz nacionalista indicou que “os incendios apáganse no inverno e resulta urxente unha política de prevención e un modelo forestal para o País. Ademais da rabia e indignación cómpre facer unha reflexión, e á marxe dos incendiarios que son os autores materiais, hai causas estruturais de fondo que non se combaten con hidroavións nin motobombas”, dixo.

Para a prevención de incendios forestais, existen traballos que se deben facer na primavera para contribuír a reducir o risco de lume na tempada estival, como a necesidade de rozar os terreos cubertos de maleza e darlle facilidades e indicacións á veciñanza sobre a responsabilidade de controlar a vexetación preto das vivendas. “Deixar de facer o traballo de prevención, na época propicia para iso, é unha temeridade tanto para o patrimonio natural e forestal como para os intereses económicos, ademais de pór en perigo a seguridades das persoas que viven no ámbito rural”, concluíu.

O BNG afirma que os incendios responden a un modelo forestal nefasto