O BNG chama a participar na asemblea aberta “Construíndo Futuro”

O BNG chama a participar na asemblea aberta “Construíndo Futuro”

Será o xoves 18 de setembro ás 20:00 na Facultade de Filosofía, en Mazarelos

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2014.- O BNG de Santiago convoca unha asemblea aberta co lema “Construíndo Futuro”, concibido como unha proposta integradora e participativa de base nacionalista cara ao proceso das eleccións municipais de 2015 co fin de pór as institucións ao servizo do pobo. Será o xoves 18 de setembro ás 20:00 horas na facultade de Filosofía, na praza de Mazarelos.

Este encontro servirá para iniciar o proceso de diálogo con persoas procedentes dos movementos sociais, veciñais e culturais que son contrarias aos recortes de dereitos democráticos que practica o PP e que coinciden na defensa de Galiza como país. O BNG emprende este proceso co fin de escoitar tamén a base social das persoas preocupadas polo futuro da nosa lingua e da nosa cultura, como sinais da nosa identidade.

Así, fai tamén un chamamento a participar neste acto ás persoas que integran as plataformas que durante estes tres últimos anos reivindicaron as súas demandas aos gobernos do PP en Santiago, na Xunta e no Estado e que estiveron sempre acompañadas pola solidariedade e as iniciativas que o BNG trasladou ás institucións.

Para o BNG, cómpre maior capacidade de participación e de decisión como garantía dunhas institucións municipais abertas e democráticas, onde non haxa lugar para as prácticas clientelares e corruptas. Ademais, as eleccións municipais de maio de 2015 deben servir para ensanchar e fortalecer a presenza institucional do nacionalismo en Galiza, como mellor xeito de xerar políticas que combatan a desfeita social provocada polos gobernos do PP.

O BNG chama a participar na asemblea aberta “Construíndo Futuro”