O BNG chama a participar con Queremos Galego porque “defender a lingua é defender Galiza"

O BNG chama a participar con Queremos Galego porque “defender a lingua é defender Galiza"

galego

“Para que a lingua exista, precisamos un Estado e organizacións propias, por iso estou na candidatura do BNG”, afirma Suso de Toro

“A única organización seria que hai en Galiza, na que se pode confiar para defender os intereses do noso país, é o BNG”, sinala Camilo Nogueira

“O BNG denunciou no Parlamento europeo a vulneración da Carta Europea das Linguas por parte do Goberno de Feijóo”, lembra Ana Pontón

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2014.- O BNG, integrado na plataforma Queremos Galego, fai un chamamento á participación no acto que se celebrará este 17 de maio, Día das Letras Galegas, nas cidades de Galiza e que, concretamente, en Santiago de Compostela será ás 12:00 na Porta Faxeira. Ana Pontón, Suso de Toro e Camilo Nogueira expresaron, en rolda de prensa, o seu apoio a esta mobilización para defender os dereitos lingüísticos e reclamar políticas para avanzar no uso do idioma propio de Galiza en todos os ámbitos sociais.

Segundo explicou a deputada do BNG Ana Pontón, o Día das Letras é unha cita ineludíbel “para todas as persoas que defenden a nosa lingua, que é o mesmo que defender Galiza”. O noso idioma non pode continuar nesta “senda de maltrato e de agresión constante” por parte do Goberno de Feijóo e nestas eleccións temos a oportunidade de darlle continuidade a un traballo realizado no Parlamento europeo, a través da eurodeputada Ana Miranda, que defendeu a lingua galega e denunciou “o proceso de menoscabo dos dereitos lingüísticos de galegos e galegas”, sinalou. Así, referiuse á denuncia da vulneración da Carta Europea das Linguas presentada polo BNG, mediante a que os propios expertos que avalían o seu cumprimento advertiron “da política de acoso e de derrubo” do Goberno de Feijóo sobre os dereitos lingüísticos.

O BNG considera que a nosa lingua, nunha situación crítica, ten os mesmos dereitos que calquera outra. “O galego é a único idioma no Estado que perde falantes” e, en vez de ser promovido, as propias institucións utilízanse contra a lingua galega “con mentiras, enganos e de maneira vil”, afirmou. “Mentres a nivel de Estado se incrementan os fondos para promover o español, na Galiza temos un descenso aberrante de recursos, o que resulta unha nova discriminación cunha política deliberada para menoscabar a lingua galega”, insistiu a deputada nacionalista.

Galiza foi traizoada

Suso de Toro realizou un balance do resultado dos pactos da democracia, tras a morte de Franco, que constatan que “Galiza foi traizoada en todos os estamentos: no campo, no naval, na industria e na pesca, mais tamén na cultura e na lingua”. “O Estado, nestes anos, desprotexeu a nosa lingua e a autonomía, reinterpretada polo PP, foi botarlle as mans ao pescozo para afogar a lingua e de aí saen os números do descenso de falantes e da perda de peso do idioma na vida diaria da sociedade en Galiza”, explicou.

Por este motivo, indicou o escritor que apoia a candidatura do BNG para Europa porque quere que “Galiza exista, que o meu país exista”. “Para que a lingua exista, precisamos un Estado e organizacións propias, por iso estou na candidatura do BNG”, engadiu Suso de Toro.

Galiza representada como nación

Camilo Nogueira lembrou que dende que o BNG estivo presente no Parlamento europeo até a actualidade, coa representación de Ana Miranda, é “a única organización política galega que estivo no Parlamento europeo como tal e non hai outra que na defensa dos intereses de Galiza tivese unha proxección internacional como o BNG, mesmo coa participación nos foros sociais mundiais”.

Fixo tamén referencia a que o BNG está no grupo parlamentar da Alianza Libre Europea-Os Verdes, que tiña 56 deputados e deputadas na lexislatura que remata, “con absoluta liberdade de palabra e onde se debateu a cuestión das nacións sen Estado”. “O Parlamento europeo ten agora capacidade plena para aprobar os orzamentos europeos e, se hai unha maioría progresista, seremos decisivos para o futuro”, explicou, “cunha visión crítica sobre o modelo de UE mais para aproveitar que Galiza estea representada como unha nación”.

Nogueira indicou, ademais, que “a única organización seria que hai en Galiza é o BNG, ten moito que avanzar e abrirse á sociedade, pero o BNG é a organización na que se pode confiar sen as trapalladas que ocorren na actualidade e por iso merece ser apoiada nesta convocatoria electoral para defender os intereses do noso país”.