O BNG cuestiona que se poida modificar o proxecto de Carreira do Conde sen retrotraelo nos trámites

O BNG cuestiona que se poida modificar o proxecto de Carreira do Conde sen retrotraelo nos trámites

“A reunión do alcalde tiña que producirse hai seis meses, non cun proxecto e cunha obra en marcha, senón cun anteproxecto”

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, a preguntas de xornalistas sobre a posíbel modificación do proxecto de Carreira do Conde anunciada polo alcalde para eliminar as bancadas e manter o tránsito de vehículos cando estaba prevista facela peonil, indicou que “é todo un disparate, porque neste Concello cambian as caras dos alcaldes e dos concelleiros pero seguen gobernando do mesmo xeito que Conde Roa e Ángel Currás”.

“É moi gráfico o que pasou en Carreira de Conde, a alguén lle parece normal que o alcalde se reúna coa veciñanza e cos comerciantes cando as piquetas xa están traballando alí?”, preguntouse, “esa reunión tiña que producirse hai seis meses, non cun proxecto e cunha obra en marcha, senón cun anteproxecto”.

Para Rubén Cela, o que teñen que facer o alcalde e a concelleira de Urbanismo é “falar, chegar a acordos e consensuar posicións coa veciñanza e cos usuarios, cos comerciantes e ter unha predisposición a escoitar e atender as reivindicacións que sexan sensatas”.

“Vaise dedicar máis a Carreira do Conde que á renda social”

Ademais, puxo en dúbida se poden facer agora un modificado dese proxecto sen retrotraelo na súa tramitación. Para o BNG, hai unha serie de problemas estruturais nesta actuación que seguen vixentes, como o investimento de 640.000 euros, “que é unha cantidade desproporcionada” nestes tempos, máis tendo en conta que a medida estrela do PP nos Orzamentos de 2015 é a chamada renda social, unha axuda para parados de longa duración e pensionistas, dotada con 600.000 euros. “Vaise dedicar máis a Carreira do Conde que á renda social”, explicou.

Mesmo no plano das obras, hai outro tipo de actuacións prioritarias, antes que Carreira do Conde, co problema engadido de que se van suprimir prazas de aparcadoiro en superficie o Concello de Santiago tiña que dar alternativas antes do inicio da actuación, engadiu Rubén Cela.

O BNG cuestiona que se poida modificar o proxecto de Carreira do Conde sen retrotraelo nos trámites