O BNG defende no Parlamento a mellora e ampliación dos colexios de Roxos e de Monte dos Postes

O BNG defende no Parlamento a mellora e ampliación dos colexios de Roxos e de Monte dos Postes

A deputada Ana Pontón trasladará as reivindicacións das asociacións de nais e de pais para que a Xunta mellore os equipamentos e atenda as necesidades educativas existentes

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2014.- A deputada Ana Pontón defenderá mañá mércores unha iniciativa no Parlamento galego para coñecer as actuacións previstas pola Xunta de Galiza para atender as demandas da comunidade educativa do CEIP de Roxos e do CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela.

A Asociación de Nais e Pais do Monte dos Postes emprendeu unha campaña para corrixir as importantes eivas nas instalacións deste centro educativo. “Segundo sinalan, algunhas das máis deficientes teñen a ver con cuestións básicas de limpeza, seguridade, falta de mantemento e necesidade de incrementar o espazo deste centro de ensino”, explicou Ana Pontón.

O BNG requirirá, ademais, a ampliación do CEIP de Roxos que, de xeito unánime, reclama a comunidade educativa, tanto a través do Consello Escolar como de 200 escritos remitidos pola ANPA á Xunta de Galiza. Ana Pontón exporá que “existe un terreo contiguo ao actual edificio, previsto para ese uso, no PXOM do Concello de Santiago”. “Só se precisa vontade da Xunta de Galiza para atender unha necesidade evidente deste centro”, afirmou a deputada.

O BNG defende no Parlamento a mellora e ampliación dos colexios de Roxos e de Monte dos Postes