O BNG defendeu no Pleno unha moción para mellorar o transporte urbano na cidade

O BNG defendeu no Pleno unha moción para mellorar o transporte urbano na cidade

A formación nacionalista trasladou iniciativas a esta sesión ordinaria de xaneiro referidas ao tema sanitario e á defensa da lingua galega

O grupo municipal do BNG apoiou a concentración ás portas de Raxoi para reclamar a retirada da multa do gandeiro da Sionlla e o apoio ao sector agrario

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2015.- O grupo municipal do BNG trasladou ao Pleno de xaneiro 10 iniciativas, entre mocións, rogos e preguntas. En concreto, defendeu unha moción para mellorar o transporte público no Son, Aradas, Lamascal, Vrins, avenida da Liberdade e Volta do Castro; e dúas relativas á sanidade, para dispensar os medicamentos da hepatite C e a creación dos Consellos de Saúde, mais a relativa a requirir a organización de actividades que fomenten o uso do galego arredor da celebración do Día de Rosalía de Castro.

Na primeira das mocións, o BNG defendeu que o transporte público colectivo ten que servir para favorecer a vertebración territorial dos núcleos, que en Santiago superan os 250, ademais de supor a alternativa máis ecolóxica, económica e solidaria. Así, demandou o aumento das frecuencias da liña 1 coa prolongación até o Son, a prolongación do transporte urbano de Aradas até Lamascal con retorno por Vrins e a mellora do servizo na avenida da Liberdade e a recuperación de paradas na marquesiña de Volta do Castro. O Goberno local do PP reduciu as liñas e frecuencias a estes lugares.

Outra das mocións foi destinada a requirir do Goberno galego que a terapia cos novos fármacos para a hepatite C se dispense nas farmacias hospitalarias a aqueles doentes a que lle for prescrita por persoal médico especialista do Servizo Galego de Saúde. Tamén no ámbito sanitario, o BNG defendeu a constitución e convocatoria dos consellos de saúde de área de Compostela para cumprir coa participación social e territorial da cidadanía que recolle a Lei de Saúde de Galiza.

En materia lingüística, o BNG presentou unha moción para a realización de actividades de promoción do galego arredor da declaración do Día de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro de 2015, en coincidencia coa data do nacemento en 1837 desta autora que contribúan a revitalizar o idioma. A formación nacionalista, noutra iniciativa, esixiu a substitución do letreiro coa toponimia deturpada no antigo curtidoiro da Pontepedriña, logo da recente restauración da placa identificadora do lugar, que inclúe o selo do Consorcio, e incumpre a legalidade lingüística en materia de toponimia.

O BNG rexistrou, ademais, cinco preguntas de control do labor do Goberno municipal.

O BNG defendeu no Pleno unha moción para mellorar o transporte urbano na cidade