BNG e Esculca coinciden en que a Lei mordaza criminaliza a protesta social

BNG e Esculca coinciden en que a Lei mordaza criminaliza a protesta social

Denuncian o recorte de “dereitos” e o intento de “amedrentar” cunha normativa propia “do Franquismo”

Advirten que os informes policiais pasan a ser “inatacables” coa nova lei

Santiago de Compostela, 9 de Xaneiro 2015.- Esculca, Observatorio para a defensa dos direitos e liberdades, e o BNG coinciden en denunciar que a Lei de seguridade cidadán aprobada en solitario polo PP, coñecida como Lei mordaza, criminaliza a protesta social, supón un recorte de dereitos e abre a porta a un estado policial.

Desde Esculca, a avogada Iolanda Ferreiro subliñou que a Lei mordaza non é unha reforma legal “illada”, senón que tras os recortes sociais “agora tamén lle tocaba aos dereitos políticos”. Esta lei “da cobertura legal a feitos que se viñan producindo con anterioridade, onde o principio de veracidade dos atestados das forzas de seguridade se converte en inatacable”. “Da cabida a creación do estado policial”, asegurou.

A veracidade dos informes policiais tamén foi cuestionada polo portavoz municipal do BNG en Santiago, Rubén Cela, na comparecencia coa responsable de Esculca e as outras catro persoas incriminadas pola súa participación na manifestación con motivo da visita da chanceler Ángela Merkel e de Mariano Rajoy o pasado agosto. Ademais de Cela, o responsable comarcal do BNG na Coruña, Paulo Carballada, o militante Afonso Losada, así como os membros da CIG, Paulo Carril e Xabier Aboi.

“O atestado policial que sustenta as denuncias non se corresponde co realmente acontecido e presentase aos agredidos como os agresores”, salientou Cela, quen considera que a actuación policial foi “desmesurada e discrecional”, ante unha protesta “simbólica e pacífica contra as políticas austericidas da Troika”.

Cela chamou a atención sobre o feito de que os atestados non fagan mención “ás diferentes cargas policiais, nin aos feridos que se produciron nas mesmas”, e cualificou de “curioso” que non tivese habido “nin identificacións, nin detencións” pese á gravidade das acusacións vertidas nun informe que se lle comunica aos imputados seis meses despois dos feitos.

Para o Bloque, o transfundo é “meter medo para que a cidadanía non se manifeste nas rúas, criminalizar calquera protesta contra as políticas do poder”, e dentro desa estratexia “buscan castigos exemplarizantes”, argumentou. “Na práctica, en moitos aspectos, nos retrotraen a Lei de orde público do franquismo e a creación dun auténtico estado policial”, subliñou Cela, quen asegurou que “volvería a facer o mesmo” participando nesa manifestación anti Troika. “Non van conseguir calarnos e facemos un chamamento á sociedade galega para que non se deixe amedrentar e continúe contestando ás políticas do PP cando as considere inxustas”.

O Bloque presentará os recursos e todas as medidas legais posibles contra unhas imputacións “inxustas e inxustificadas”, como se pode comprobar nas probas gráficas publicadas polos medios de comunicación, avanzou Cela.

Neste sentido, a avogada de Esculca Iolanda Ferreiro salientou que coa Lei mordaza xa non será posible esgrimir esas probas gráficas. “Pretende que estea prohibido por parte dos medios ou calquera persoa tomar imaxes ou gravar a actuación das forzas de seguridade do Estado, o que podería axudar tanto as persoas como as forzas de seguridade”, explicou.

“Todo o que serviría de proba non só aos agredidos senón aos agresores como a toma de imaxes, fotografías e vídeos, vai ser unha práctica ilegal”, indicou, ao tempo que tamén denunciaba o reiterado incumprimento da normativa de identificación dos corpos e forzas de seguridade do Estado.

Paulo Carballada será o primeiro imputado en declarar o vindeiro luns ante os xulgados da Coruña, onde o BNG convoca unha concentración de apoio.

BNG e Esculca coinciden en que a Lei mordaza criminaliza a protesta social