O BNG esíxelle ao alcalde un Pleno para dar explicacións do maior escándalo institucional da cidade

O BNG esíxelle ao alcalde un Pleno para dar explicacións do maior escándalo institucional da cidade

É de “estremada gravidade” que para conseguir cambiar o secretario e a interventora e favorecer supostamente determinadas empresas tivesen “a complicidade da Xunta de Galiza”

Rubén Cela emprazou á veciñanza de Santiago a que presione e se mobilice contra estas malas prácticas

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2014.- O grupo municipal do BNG esíxelle ao alcalde de Santiago a convocatoria dun Pleno extraordinario e urxente para que dea explicacións ante o “maior escándalo institucional desta cidade”, afirmou Rubén Cela.

Se xa existían elementos de sobra para esixir a dimisión de todos os concelleiros e concelleiras imputados por algún presunto delito de corrupción ou de malas prácticas graves, como pediu o BNG dende o primeiro día, o que se atopan cada día coa apertura parcial do segredo de sumario da Pokemon “son novos datos que reafirman a petición que fan máis visíbel, insostíbel e noxenta esta actuación realizada no Concello de Santiago”.

“Ninguén pode comprender, nin amparar, nin xustificar que con todo o que se sabe aquí non dimita ninguén”, sinalou. “Non pode ser que a única explicación que dá o alcalde é que está moi tranquilo e que ten a conciencia tranquila”, indicou Rubén Cela, “ante o maior escándalo que lle debe o alcalde aos veciños e veciñas son desculpas, explicacións e a súa dimisión, acompañada da dos demais imputados por presunta corrupción”.

De non dimitir nin convocar o Pleno, o PP aboca a que a única solución sexa solicitar formalmente a disolución da Corporación e a convocatoria de eleccións anticipadas, explicou Rubén Cela, porque con todos os datos que hai enriba da mesa “resulta palpábel e notorio que o PP converteu o pazo de Raxoi na súa cova de Alí Baba particular”.

O PP non quería “xente honrada e honesta” que fiscalizase

Polas transcricións de conversas literais sábese que houbo tráfico de influencias neste Concello coa colocación de amigos, familiares e simpatizantes; así como amaños en licitacións públicas para favorecer determinadas empresas e tamén persecucións políticas. Deste xeito, para o BNG non hai ningún motivo que xustificase o intento de pagar con cartos públicos a defensa dun concelleiro que cada día é máis evidente que non está precisamente imputado polo uso lícito do seu cargo público.

Para Rubén Cela, é dunha “estremada gravidade”, xa denunciada polo BNG no seu momento, a creación de dúas prazas de habilitados nacionais. “Sabemos que houbo unha seudo-conspiración entre cargos políticos do PP e determinadas empresas para apartar a anterior interventora e o anterior secretario, que non foi porque fosen malos profesionais, senón por seren xente honrada e honesta e iso é precisamente o que non quería o PP neses cargos”, indicou. “É de estremada gravidade que para conseguir que os cambiasen tivesen a complicidade da Xunta de Galiza”, agregou e como consecuencia aludiu “á situación rocambolesca de ter tres interventores, tres secretarios e dous tesoureiros, que non pasa en ningún outro Concello de Galiza”.

O sumario da Pokemon evidencia tamén “o desgoberno que padece esta cidade”, porque hai concelleiros do PP que aprobaron os orzamentos sen sequera coñecelos, como había concelleiros máis preocupados por satisfacer determinados intereses empresariais que pola veciñanza de Santiago.

“Non todos somos iguais”

“É obsceno e un insulto á veciñanza que ninguén asuma a súa responsabilidade e dimita despois de todo o que se coñece das pescudas xudiciais”, dixo. Sinalou, ademais, que “resulta terríbel” que exista un pacto tácito entre PP e PSOE para impedir que a Pokemon forme parte da axenda parlamentar.

Rubén Cela realizou tamén un chamamento á veciñanza de Santiago para non caer na resignación e no discurso de que ‘todos son iguais’ “porque non todos somos iguais e o BNG ten unha traxectoria concreta neste Concello, doce anos gobernando e moitos anos na oposición, e demostrouse que non todos somos iguais”.

Emprazou tamén á veciñanza de Santiago a que “presione e se mobilice, porque se no seu día foi a presión social e política a que conseguiu que non se consumase o atraco de Conde Roa co peche do mercado de Amio, da Finca do Espiño e da ocupación da vía pública, agora tamén a presión social pode ser capaz de que non se consolide o proxecto do PP para este Concello e demande que se inicie un proceso de limpeza e de rexeneración democrática”.

O BNG esíxelle ao alcalde un Pleno para dar explicacións do maior escándalo institucional da cidade