O BNG insta ao alcalde a adoptar medidas de prevención para reducir os incendios forestais no verán

O BNG insta ao alcalde a adoptar medidas de prevención para reducir os incendios forestais no verán

Lembra o BNG que o ano pasado o Goberno municipal non adxudicou os traballos de limpeza das vías forestais até mediados de setembro

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2014.- O grupo municipal do BNG insta ao Goberno local a comezar os labores de prevención de incendios forestais correspondentes á primavera para contribuír a reducir o risco de lume no verán. O ano pasado aprobouse, por unanimidade, unha proposición do BNG relativa á necesidade de darlle cumprimento á normativa vixente en materia de prevención e loita contra incendios forestais.

O BNG sinala que é imprescindíbel actuar con medidas de prevención nos montes de titularidade municipal e da Xunta de Galiza, como na aba do Pedroso e na Selva Negra, zonas moi castigadas polos incendios forestais. Advirte tamén que hai que darlle facilidades e indicacións á veciñanza sobre a responsabilidade de rozar a vexetación que medrou durante o inverno preto das vivendas para evitar risco de lume coa suba das temperaturas.

Lembra o BNG que en 2013 o Goberno municipal do PP non adxudicou os traballos de limpeza das vías forestais até mediados de setembro, pese a que as medidas de prevención para a xestión de biomasa excedente deben estar concluídas a 30 de xuño.

Na prevención e loita contra os incendios forestais é necesario o aproveitamento e a coordinación de recursos que fornecen as distintas administracións, xa sexan en forma de convenios ou de protocolos de colaboración, tanto para o aproveitamento multifuncional do monte como para a prevención e extinción de incendios forestais.

Ademais, é imprescindíbel darlle cumprimento á normativa vixente en materia de prevención e extinción de incendios forestais, particularmente no Concello de Santiago, ao estar declarado como Zona de Alto Risco no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza.