O BNG organiza un acto público en lembranza de Ánxel Casal

O BNG organiza un acto público en lembranza de Ánxel Casal

Enmárcase nas homenaxes á Galiza Mártir realizadas por todo o país ás vítimas da ditadura

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2014.- O BNG de Santiago convoca a cidadanía a participar nun acto público en memoria do ex-alcalde nacionalista Ánxel Casal e das persoas represaliadas pola ditadura franquista en Compostela. Será o martes 19 de agosto ás 12:30 á beira da que fora a imprenta da editorial Nós, no número 15 da rúa do Vilar.

Con este acto, que contará coas intervencións do historiador Miguel Anxo Seixas, do portavoz municipal Rubén Cela e da responsábel local do BNG Lucía Vázquez, así como da asistencia de familiares do político e editor homenaxeado, quérese dar a coñecer a súa faceta de compromiso político coa lingua e coa cultura galegas.

Biografía. Ánxel Casal Gosenxe naceu na Coruña en 1895 e foi asasinado en 1936 en Cacheiras, nas inmediacións de Santiago de Compostela. Comeza a traballar nun negocio familiar na Coruña até que emigra a Bos Aires, de onde retorna aos dous anos. En 1918 asina o manifesto fundacional do nacionalismo galego da Asemblea das Irmandades da Fala. En 1924, foi impulsor das Escolas do Ensino Galego e, en colaboración con Leandro Carré Alvarellos, funda a Editorial Lar da que se desvincula en 1927 para crear a Editorial Nós. Con María Miramontes, activa integrante das Irmandades da Fala, trasládase a Compostela en 1931 para editar, entre outras, as publicacións do Seminario de Estudos Galegos.

Colaborou con diversas iniciativas republicanas, galeguistas e sindicais. Foi editor e impresor de ducias de publicacións periódicas e promotor da Asociación de Escritores de Galiza, truncada polo alzamento franquista. Destaca a faceta de Casal como editor con conciencia expresa de pór en marcha unha industria cultural galega, como un auténtico método de transformación da sociedade. Foi un gran valedor e promotor do libro galego e, polo tanto, un dos primeiros grandes espalladores das ideas do galeguismo e da dignificación da cultura e da lingua galegas.

Como secretario de propaganda do Partido Galeguista, asiste á xuntanza organizada no Concello de Santiago para convocar a Asemblea de Municipios para a redacción do Estatuto do 36. En 1934 participa no Mitin das Arengas, na praza da Quintana. Fixo parte da comisión que entregou o texto do Estatuto ás Cortes, logo de ser recibido en audiencia polo presidente da República.

O 20 de xullo de 1936, a autoridade militar obrigouno a ceder o mando do Concello de Santiago. O 4 de agosto é conducido á cadea, onde estivo detido canda presos republicanos, entre eles o seu amigo Camilo Díaz Baliño, quen debuxou a lapis un retrato de Casal pouco antes do seu asasinato a mans da represión franquista.

O BNG organiza un acto público en lembranza de Ánxel Casal