O BNG pregunta no Congreso pola execución das obras do túnel inferior de Conxo

O BNG pregunta no Congreso pola execución das obras do túnel inferior de Conxo

rosanarubenA deputada nacionalista Rosana Pérez e o portavoz municipal Rubén Cela demandaron que o proxecto se someta a exposición pública.

Reclaman medidas para rebaixar o impacto acústico e un plan de mobilidade mentres se executen as obras, de acordo coa petición veciñal.



Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego rexistrou unha iniciativa no Congreso sobre a licitación das obras do túnel de Conxo, segundo expuxeron a deputada Rosana Pérez e o portavoz municipal Rubén Cela.

En concreto, o BNG quere coñecer se está previsto adoptar medidas para rebaixar o impacto acústico das obras do túnel inferior de Conxo e se se vai someter a información pública o proxecto construtivo, ademais do tempo previsto de duración da actuación e a planificación da mobilidade do tráfico, tendo en conta que se trata dun barrio densamente poboado e por onde transitan milleiros de vehículos a diario.

Segundo explicou Ruben Cela, o grupo municipal do BNG mantivo hai unhas semanas unha xuntanza coa asociación veciñal Conxo Aberto na que se comprometeu, entre outras cousas, a realizar unha serie de iniciativas “en aras de mellorar a información da veciñanza sobre o proxecto e, sobre todo, de garantir unha axeitada execución do paso inferior de Conxo”.

Para o BNG, asegurou, trátase dunha actuación importante para o barrio de Conxo e para o conxunto da cidade. Cada día, uns 35.000 vehículos atravesan este punto en ambos os sentidos. “A actual rotonda é o único cruce que ten o periférico nos seus 11 quilómetros e, polo tanto, unha vez rematada non haberá nin cruces nin semáforos entre O Milladoiro e o Polígono do Tambre”, explicou.

Lembrou que o BNG advertira do atraso co que se iniciou a licitación e que fixo que se suprimira, como unha actuación “temporal” en 2011 un dos xiros desa rotonda, o que provocou importantes molestias para a veciñanza e as persoas usuarias e traballadoras do Hospital Provincial.

Rosana Pérez, pola súa parte, sinalou que o túnel soterrado de Conxo é “unha obra longamente agardada polos santiagueses e santiaguesas, mais tamén por milleiros de persoas usuarias que transitan a diario”. Por este motivo, “o BNG presentou nos últimos anos moitas iniciativas no Congreso para saber cando se ían executar esas obras tan demandadas”, engadiu.

Para 2014 incluíuse unha partida de 3,6 millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado, explicou, e a veciñanza “está preocupada por coñecer un proxecto construtivo que debera estar a exposición pública e por saber como se vai executar a obra no relativo ao desvío do denso volume de tráfico e das medidas contra o ruído”.

Deste xeito, o BNG preguntará no Congreso se se vai expoñer ao público o proxecto que interesa tanto á veciñanza como aos representantes municipais e que medidas teñen previsto adoptar para minimizar o impacto acústico que vai producir a execución das obras e para desviar o tráfico da zona.

O BNG pregunta no Congreso pola execución das obras do túnel inferior de Conxo