O BNG pregúntalle a Fomento polos informes entregados polo ADIF ao Xulgado do accidente de Angrois

O BNG pregúntalle a Fomento polos informes entregados polo ADIF ao Xulgado do accidente de Angrois

A deputada do BNG, Rosana Pérez: “Como se explica que se puxera en marcha a conexión Ourense-Santiago cando existían “temas pendentes”? Non foi unha imprudencia pór a liña en servizo con fallos de seguridade?”

Madrid, 12 Abril 2014. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou na Cámara unha iniciativa parlamentar na que dirixe unha batería de preguntas ao Ministerio de Fomento con motivo dos informes que o Adif está a presentar no xulgado que instrúe o caso do Alvia sinistrado o pasado 24 de xullo en Angrois.

“Non é certo que nos informes presentados no xulgado se deixa ás claras que se puso en marcha a conexión ferroviaria Ourense-Santiago cando había “temas pendentes” de resolver? Por que non se realizaron as probas que se tiñan rematado con anterioridade á emisión dos informes?”, son algunhas das cuestións que formula a Ana Pastor.

Rosana Pérez alude á última documentación que Adif entregou ao xulgado do caso Alvia, na que fica claro que Fomento autorizou en decembro de 2011 a posta en servizo da liña Ourense-Santiago pero coa condición de que o Adif correxise “defectos” e realizase as probas pendentes.

A deputada do BNG enfatiza que “aínda que segundo os certificados emitidos, a non realización das probas “non impiden a circulación e explotación do sistema ferroviario na liña”, non foi unha temeridade abrila ao servizo sen ter a seguridade cen por cen de que non ía haber riscos?”.

Para Rosana Pérez os Informes demostran que houbo responsabilidades políticas

Neste sentido, menciona o informe realizado o 2 de decembro de 2011, unha semana antes da inauguración da liña, que recolle as incidencias detectadas durante as probas co ERTMS nos trens Avant. Como “a existencia de freados de servizo debido á inconsistencia coas balizas, detención do tren na zona neutra pola non detección dunha baliza, freados na transición de ERTMS a ASFA, e outras que en ningún caso se tiveron en conta”.

Outro dos importantes informes entregados é o que reflexa a desconexión do ERTMS cando a liña xa estaba en servizo. “Considera a Ministra axeitado que se decidise atender a solicitude de Renfe de desconexión do ERTMS en xuño de 2012? Por qué motivo non se solucionaron os problemas do dispositivo “en breve” como se comprometeu o Director de Seguridade na Circulación?”.

Para a deputada do BNG “é evidente, á luz dos informes, que se puxo en funcionamento unha liña cando tiña fallos no dispositivo de seguridade. Considera xustificábel que se abrise unha conexión estando as cousas así?”. “Non demostran estes informes que houbo responsabilidades políticas?”.

O BNG pregúntalle a Fomento polos informes entregados polo ADIF ao Xulgado do accidente de Angrois