O BNG reclama melloras no servizo de transporte urbano

O BNG reclama melloras no servizo de transporte urbano

O Goberno local comprometérase en xaneiro a buscar solución á falta de frecuencias de bus e, coa chegada do verán, aínda recortaron máis

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego demandará, a través dunha iniciativa no vindeiro Pleno municipal, melloras no transporte urbano. En concreto, reclama a restauración do servizo de autobús para lle dar solución ás necesidades da veciñanza do Son de Abaixo e arredores; a prolongación do transporte urbano de Aradas até Lamascal con retorno por Vrins e que non se reduzan no verán as frecuencias a zonas que xa habitualmente contan cun servizo precario de transporte público.

O transporte público colectivo ten que servir para facilitar a mobilidade urbana e tamén para favorecer a vertebración territorial dos núcleos máis afastados do centro urbano, “ademais de supor a alternativa máis ecolóxica, económica e solidaria”, explicou a concelleira Elvira Cienfuegos en rolda de prensa, “xa que Santiago de Compostela conta con máis 250 núcleos de poboación”. “Xa que logo, o Concello de Santiago debe impulsar o uso do transporte público colectivo e favorecer a súa utilización”, indicou. Así se contemplaba, por outra parte, “no programa co que o PP se presentou as eleccións no 2011, no que ademais e no relativo ao medio rural, se comprometía a aumentar as frecuencias dos buses ao centro con regreso”.

Non obstante, en setembro do ano 2013 e como consecuencia da aplicación dunha sentenza, reducíronse notabelmente as frecuencias do transporte urbano que prestaba servizo ao Son e arredores, unha zona con gran número de núcleos que, segundo a veciñanza, tivo servizo de buses dende a década de 1970. Á vista de que as demandas veciñais non eran tomadas en consideración, o BNG en xaneiro deste ano levou un rogo ao Pleno para que se restaurase o servizo para dar resposta satisfactoria ás súas necesidades, que foi respondido polo Goberno municipal coa promesa de buscar solucións sen que supoñan interferencias co cumprimento da sentenza. Na actualidade aínda non se puxeron en marcha, explicou, senón que se reduciron aínda máis.

Explicou Elvira Cienfuegos que tampouco se deu solución á demanda de prolongar a liña de Aradas até Lamascal con regreso por Vrins, unha proposta que segundo os responsábeis de mobilidade do Concello había tempo que estaba en estudo cando o BNG o demandou en decembro de 2013.

Ademais, no período estival redúcense as frecuencias dalgunhas liñas de autobuses, o que engade dificultades a zonas e servizos que xa habitualmente non dispoñen dun transporte público axeitado, como no acceso á residencia de San Marcos ou o transporte a Figueiras. Así, citou como exemplos o bus que sae ás 7:25 do Son cun único regreso dende o centro ás 20:30 horas e o de San Marcos que quedou relegado só aos sábados, un día á semana, cando tiña frecuencia diaria.

O BNG reclama melloras no servizo de transporte urbano