O BNG reclama no Congreso modificar o Real Decreto de Servidumes Aeronáuticas que discrimina Galiza

O BNG reclama no Congreso modificar o Real Decreto de Servidumes Aeronáuticas que discrimina Galiza

"Esta norma estatal provoca que se ralentice a concesión de licenzas de obras menores en solo de núcleo rural, unha figura urbanística propia de Galiza que non contemplan en Madrid”

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2014.- A deputada do BNG Rosana Pérez presentou en rolda de prensa unha iniciativa e unha batería de preguntas que rexistrou no Congreso sobre a necesidade de modificar as esixencias para a obtención de licenzas de obra nas zonas de servidume do aeroporto de Lavacolla.

Na comparecencia de prensa estiveron tamén o portavoz municipal do BNG en Santiago, Rubén Cela, e o portavoz municipal en Ordes, Pablo Vidal, en representación dos concellos da comarca de Compostela afectados polo Real Decreto de Servidumes Aeronáuticas, que determina que todos os expedientes de obras que se encontren nesa área de afección deben contar coa autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), agás as que se atopen en núcleo urbano consolidado.

Así, a deputada nacionalista equiparou o problema que xera este real decreto con outras normativas estatais que lle afectan a Galiza, nomeadamente na Lei de Costas, no relativo á tipificación de Solo de Núcleo Rural, unha figura que só existe no noso país, porque “en Madrid non entenden que en Galiza hai unha diferenciación entre Solo de Núcleo Rural e Solo de Núcleo Urbano”.

“Este Real Decreto provoca que se ralentice o procedemento de obras menores en solo de núcleo rural, unha figura que non contemplan en Madrid”, explicou Rosana Pérez, por iso o BNG reclama na proposición de lei modificar esta norma para eliminar a esixencia de solicitar esa autorización á Axencia Estatal de Seguridade Aérea para calquera obra que non supere os 20 metros de cota sobre a rasante natural do terreo existente, ademais de considerar o solo de núcleo rural como solo de núcleo urbano a estes efectos.

“Trátase da típica norma estatal que discrimina a Galiza porque non contempla outras posibilidades que non sexan solo de núcleo urbano e, polo tanto, as peculiaridades urbanísticas do noso país nin o noso asentamento no territorio de xeito diferente ao do resto do Estado”, afirmou.

Excesiva burocratización

O portavoz municipal de Ordes, Pablo Vidal, cuestionou, ademais, os problemas derivados da excesiva burocratización para conseguir a licenza de obra menor. “Así só se consegue que a xente faga actuacións ás bravas”, sinalou.

En función das normas urbanísticas de cada concello, o prazo para que a Axencia Estatal de Seguridade Aérea conteste pode ser de até tres meses e, cando non se dispón do informe previo da Dirección xeral de aviación civil, pódese prolongar até seis meses, agregou Pablo Vidal.

Indicou tamén que no Concello de Ordes esta proposta xa foi aprobada por unanimidade e nas próximas semanas será debatida nos plenos dos demais concellos da comarca.

O BNG reclama no Congreso modificar o Real Decreto de Servidumes Aeronáuticas que discrimina Galiza