O BNG reclamará no Pleno melloras nos terreos municipais utilizados como aparcadoiros

O BNG reclamará no Pleno melloras nos terreos municipais utilizados como aparcadoiros

“Solicitamos, de maneira urxente, o arranxo destas zonas de aparcadoiro que ademais non supoñen un gran desembolso para as arcas municipais”

Santiago de Compostela, 09 de outubro de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego demandará, a través dunha iniciativa no Pleno municipal de outubro, melloras nos terreos utilizados como aparcadoiros nas proximidades do centro urbano.

O portavoz municipal, Rubén Cela, sinalou que diante do atraso que sofre a posta en marcha do Plan sectorial de aparcadoiros disuasorios que a Xunta de Galiza presentou en xullo de 2012 e da idea que o BNG sempre defendeu como prioritario para a cidade como é a mellora da mobilidade en termos de incremento da calidade de vida, da sustentabilidade económica e medioambiental, considera urxente o arranxo de varias zonas utilizadas como aparcadoiros nas proximidades do centro urbano.

Os terreos utilizados como aparcadoiro, sen ningún tipo de ordenación, na Pontepedriña, debaixo das vías do tren, a parcela que está a carón do Conservatorio, na rúa Altiboia, ou a que está no vial que vai de Clara Campoamor á rúa de Sar contribúen á mellora da mobilidade no centro urbano posto que moitos veciños e veciñas da cidade e de fóra desta non chegan a entrar cos seus vehículos nas rúas con maior afluencia de tráfico.

Estas zonas atópanse en moi mal estado e coa chegada do inverno e con el as chuvias fai que a súa deterioración aumente. “Solicitamos que se inclúa na axenda municipal, de maneira urxente, o arranxo destas zonas de aparcadoiro que ademais son actuacións modestas en termos económicos e non supoñen un gran desembolso para as arcas municipais”, concluíu.

O BNG reclamará no Pleno melloras nos terreos municipais utilizados como aparcadoiros