O BNG require explicacións da ausencia no acto institucional en memoria de Ánxel Casal en Teo

O BNG require explicacións da ausencia no acto institucional en memoria de Ánxel Casal en Teo

Por vez primeira ningún membro do Goberno local de Santiago asistiu ao acto en memoria do ex-alcalde asasinado no franquismo

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2014.- O BNG requírelle explicacións ao alcalde de Santiago por non asistir ningún membro do Goberno local ao acto institucional organizado polo Concello de Teo en homenaxe a Ánxel Casal, cando tiña que ofrecer unha intervención pública en representación institucional da cidade de Santiago de Compostela, segundo o protocolo do evento que se realiza anualmente para lembrar o aniversario do seu asasinato.

“É a primeira vez que o Goberno local de Santiago, sexa do partido que sexa, non participa neste acto institucional ao que convida un concello veciño”, explicou Rubén Cela, portavoz municipal nacionalista en Raxoi.

“Esta ausencia demostra unha actitude irrespectuosa tanto a nivel institucional como coa memoria histórica, ao tratarse dun acto de lembranza dun ex-alcalde que gobernou esta cidade en 1936”, engadiu.

Por este motivo, o grupo municipal do BNG reclámalle unha explicación ao grupo de Goberno encabezado por Agustín Hernández ante esta falta protocolaria cando o Concello de Teo cursou a correspondente invitación á Corporación municipal e non foi atendida debidamente, xa que só houbo representación de membros dos grupos da oposición en Raxoi.