O BNG require no Pleno o proxecto do PP para a praza de abastos

O BNG require no Pleno o proxecto do PP para a praza de abastos

Defendeu a organización de visitas guiadas ao Castelo da Rocha co fin de dar a coñecer este espazo de identidade emblemático na historia de Galiza

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2014.- O BNG trasladou ao Pleno de marzo unha ducia de iniciativas entre as que destaca un rogo coa solicitude de información sobre o proxecto do Goberno local para a nave 5 da praza de abastos, toda vez que o PP desestimou a proposta da Asociación de Hostalaría Compostela de converter Santiago na “Capital gastronómica atlántica”, que viña avalada pola Cámara de Comercio, Colexio de Arquitectos, Fundación Catedral, Santiago Centro e entidades gastronómicas de referencia como o Grupo Nove, Xantares, Gallaecia e Rías Altas.

A obra do túnel de Conxo é outro dos temas que levou o BNG a esta sesión plenaria, co obxectivo de coñecer as previsións existentes en relación á planificación da mobilidade do tráfico e dos peóns. O conflito xerado coa suspensión da actividade cultural nos locais da Asociación Cultural Cidade Vella pola falta de renovación do convenio co Concello foi tamén trasladado pola formación nacionalista a través dunha pregunta de cara a buscar unha pronta solución.

Entre outras propostas, o BNG requiriu nun rogo a organización de visitas guiadas ao Castelo da Rocha, para escolares e para o público xeral, así como a edición de material divulgativo complementario á web e á publicación existente, ademais da sinalización necesaria co fin de contribuír a dar a coñecer a Rocha Forte como espazo de identidade emblemático na historia de Galiza.

O BNG rexistrou tamén unha pregunta para coñecer a previsión do Goberno local para pór en funcionamento a cafetaría do parque Eugenio Granell, posto que as obras foron recibidas en xaneiro e as instalacións permanecen pechadas; outra pregunta sobre o proceso de contratación do persoal de apoio ao servizo de Atención ao Contribuínte; e unha moción para instar á Xunta de Galiza a paralizar o desmantelamento do servizo galego de transporte adaptado do 065 e a garantir o desprazamento regular das persoas dependentes e a mobilidade das persoas con maiores dificultades.

Outra das iniciativas da formación nacionalista foi destinada a mellorar o alumeado público no barrio de Conxo, logo das queixas recibidas pola veciñanza ante a pouca iluminación do parque de Ponte Pereda e máis concretamente pola súa inexistencia na vía lateral paralela á avenida Antón Fraguas.

Ademais, o BNG votou en contra da aprobación inicial da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) relativa ao incremento de densidade dos solos urbanizábeis non delimitados (SUND), posto que tal e como o presentou o PP non se trata unha reforma puntual senón dunha revisión enmascarada da totalidade do PXOM.

O BNG require no Pleno o proxecto do PP para a praza de abastos