Co resultado da liquidación, o PP mostra unha falta de capacidade para xestionar o diñeiro público

Co resultado da liquidación, o PP mostra unha falta de capacidade para xestionar o diñeiro público

“Só executaron 20 de cada 100 euros do capítulo de Investimentos, que poderían propiciar a creación de emprego e o dinamismo económico”, afirma Rubén Cela.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, realizou unha primeira valoración sobre a liquidación das contas municipais correspondentes a 2013 e sinalou que “o PP mostra unha falta absoluta de capacidade para xestionar o diñeiro público”.

A liquidación da conta municipal de 2013 presentada pola concelleira de Facenda en rolda de prensa sen facilitarlle os datos aos grupos da oposición, que teñen entre as súas funcións controlar e fiscalizar o labor e as contas do Goberno, contravén as regras básicas da transparencia do Goberno local. “Unha vez máis o PP de Santiago incumpre os prazos marcados pola lei, pois a liquidación do orzamento xeral local debera de confeccionarse antes do 1 de marzo e a súa aprobación tiña que realizarse antes de que remate ese mes, ademais de ter que lle remitir á Xunta e ao Ministerio de Economía e Facenda toda a documentación nese prazo”, indicou Rubén Cela.

“Non é austeridade, é incompetencia”

O portavoz nacionalista en Raxoi cuestionou tamén o “escandaloso baixo nivel de execución” en capítulos que non son de gasto fixo, en concreto no relativo ao capítulo VI de Investimentos, onde tiñan orzados 25,5 millóns de euros e deixaron sen investir 20,3 millóns de euros, cun nivel de execución final do 20,46%

“Só executaron 20 de cada 100 euros do capítulo de Investimentos que o Goberno local do PP de Santiago tiña a disposición en 2013 para realizar investimentos na cidade, que poderían propiciar a creación de emprego e favorecer o dinamismo económico en Compostela”, explicou. “Isto non é austeridade, é incompetencia”, manifestou, “pois o PP demostra unha falta absoluta de capacidade para xestionar o diñeiro público, máis aínda cando a administración local deixou sen atender as necesidades básicas da cidadanía nestes tempos de dificultades económicas”.

Esta liquidación do orzamento é unha radiografía da cidade e do goberno local, que deixou en caixa 17,4 millóns de euros a 31 de decembro de 2013 ao tempo que tiña 19,5 millóns de euros de obrigas recoñecidas (débedas pendentes de pago), engadiu Rubén Cela.

Ademais, sinalou que se ingresou menos do previsto “nos indicadores que falarían de saúde económica da cidade” (imposto de actividades económicos, imposto da construción, impostos cedidos do Estado...) e isto é “un reflexo da perda de músculo económico necesario para a recuperación económica da cidade”. Referiuse así a que todos os ingresos que teñen que ver coa fortaleza da cidade están en déficit con respecto ao orzado inicialmente.

Co resultado da liquidación, o PP mostra unha falta de capacidade para xestionar o diñeiro público