A foto do “protocolo de intencións” de Rajoy non vai vinculada a orzamento pra conservar patrimonio

A foto do “protocolo de intencións” de Rajoy non vai vinculada a orzamento pra conservar patrimonio

Desconfía de que a contía anunciada se detraia da participación do Estado ao Consorcio nos vindeiros anos, que debería ser empregada para outros fins

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, afirmou que o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, asinou un “protocolo de intencións” sen consignación orzamentaria e que “non vincula a nada, simplemente para sacar unha foto en Santiago de Compostela” para anunciar o plan director de conservación da Catedral.

Sen pór en dúbida a necesidade de conservación, dende o punto de vista patrimonial, artístico e simbólico, ademais da súa función turística e de culto relixioso, da Catedral de Santiago de Compostela, “para o BNG, o esforzo da Igrexa, como propietaria deste ben, non é parello ao esforzo público económico en tempos de dificultades cando, como mínimo, cada investimento que se realice debería ir acompañado dunha partida semellante”, ademais de buscar financiamento por outras vías, privadas ou de mecenado e de utilizar as doazóns que recibe para a conservación do inmóbel.

Cómpre lembrar ademais que a Igrexa xa goza de exencións no pagamento do Imposto de Bens Inmóbeis, precisamente, para que empregue fondos na conservación do patrimonio histórico que, por omisión, sufragará a cidadanía a través dos Orzamentos do Estado. Neste sentido, Rubén Cela lembrou que o BNG reclamou nunha emenda aos Orzamentos do Goberno do Estado para Galiza 1 millón de euros para a realización dunha segunda fase de actuación no Castelo da Rocha, que o PP vén de rexeitar, cando está catalogado como Ben de Interese Cultural e que tamén se fai necesario preservar e divulgar.

Ademais, o BNG cuestionou que nos últimos anos o Consorcio da Cidade de Santiago “ten focalizadas as súas actuacións na restauración de bens da Igrexa Católica, ao tempo que desatende outras funcións encamiñadas á rehabilitación de vivendas, conservación da Cidade Histórica e programación cultural, entre outras”. Por este motivo, explicou, “non sería de estrañar que eses 17 millóns de euros anunciados se detraian das achegas do Estado ao Consorcio dos vindeiros anos, que deberían ser empregadas para outros fins”.

Compromisos pendentes

Para o BNG, esta visita de Rajoy “debería servir para explicar por que a vella terminal de Lavacolla segue sen un plan de uso e por que se incumpren os prazos da nova estación depuradora de augas residuais, así como para explicar os compromisos para a estación intermodal e para a seguridade viaria”, explicou Rubén Cela.

A foto do “protocolo de intencións” de Rajoy non vai vinculada a orzamento pra conservar patrimonio