En Galiza mantéñense as mesmas eivas de seguridade ferroviaria que cando foi o accidente de Angrois

En Galiza mantéñense as mesmas eivas de seguridade ferroviaria que cando foi o accidente de Angrois

O Goberno de Santiago debe abandonar “a actitude submisa e compracente” con Renfe, co ADIF e co Ministerio de Fomento e esixir os cambios estruturais e a implementación do ERTMS para garantir a seguridade ferroviaria

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sobre os novos datos achegados por un perito no marco da investigación do accidente de Angrois, manifestou que seguen a circular os trens Alvia pola curva da Grandeira “exactamente coas mesmas medidas estruturais que as daquel día, baliza arriba, baliza abaixo; pero sen un sistema de seguridade como o ERTMS instalado”.

Para o BNG é absolutamente impresentábel a posición do PP e do PSOE ante a negativa de investigar politicamente o acontecido na traxedia de Angrois. “Canto máis sabemos, máis escandaloso resulta”, indicou Rubén Cela, “e é evidente que a responsabilidade non foi unicausal nin unipersoal na figura do maquinista”.

“Por terceira vez, o PP vetou unha proposición de lei do BNG para que se puidese abrir unha comisión de investigación no Parlamento de Galiza a teor dos novos datos coñecidos”, engadiu.

Apelou tamén ao silencio do Concello de Santiago sobre a responsabilidade no accidente de Angrois, “debe deixar de ter unha actitude submisa e compracente con Renfe, co ADIF e co Ministerio de Fomento”. “O Concello ten que ser o principal valedor de que se saiba a verdade do que aconteceu en Angrois e ten que esixir sen dilacións que se acometan os cambios estruturais no cambio de vía na chegada á nsoa cidade e, polo tanto, que se implemente dunha vez o sistema ERTMS”, afirmou.

O BNG considera que o Concello de Santiago debe esixir o cumprimento dos compromisos adquiridos coa veciñanza de Angrois “que seguen nun caixón case un ano despois” e os compromisos coa cidade en materia ferroviaria como a estación intermodal “porque rematará este mandato do PP e será un mandato en branco”.

En Galiza mantéñense as mesmas eivas de seguridade ferroviaria que cando foi o accidente de Angrois