O grupo municipal do BNG reúnese con representantes do persoal de limpeza que non cobra os salarios

O grupo municipal do BNG reúnese con representantes do persoal de limpeza que non cobra os salarios

“O Goberno local non pode inhibirse dos incumprimentos dunha empresa por el contratada”, explica Rubén Cela

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2014.- O grupo municipal do BNG mantivo unha reunión con representantes das traballadoras da empresa concesionaria da limpeza do Concello de Santiago que non cobran con regularidade as nóminas.

Rubén Cela cualificou a actitude da empresa como “impresentábel”, “porque non se pode consentir que cobre regularmente en tempo e forma e que non pague tamén en tempo e forma ao seu persoal”, máxime nun sector con salarios mínimos e con familias con problemas para facerlle fronte ás súas hipotecas e aos gastos básicos domésticos.

O BNG considera que é “insuficiente” a actuación que realiza o grupo de Goberno, porque o primeiro que debería facer é solidarizarse coas traballadoras e pórse á súa disposición, ademais de iniciar un expediente informativo para analizar o grao de incumprimento desta empresa polo que se rexía o prego do concurso co que gañou a licitación e, en segundo lugar, para explorar o réxime sancionador.

“No caso de que iso non fose posíbel, o Concello ten a obriga de impulsar algunha outra vía alternativa como se fixo noutros conflitos como puido ser o de Daviña ou a cesión dese contrato a calquera outra empresa que reúna as condicións de solvencia técnica e económica requiridas neste concurso”, sinalou.

Ademais, destacou que o Concello podería “aproveitar este tempo para estudar a fondo a posibilidade de remunicipalizar este servizo”. “Este conflito hai que arranxalo e hai que arranxalo xa, porque non se pode deixar podrecer xa que cada día que pasa vai ter unha solución máis difícil e agardamos que sexa diferente á ofrecida a Sermasa e a Clece nas escolas infantís”, engadiu.

Reclamou tamén que o Concello “non amose a súa dobre vara de medir”, “non pode inhibirse dos incumprimentos dunha empresa por el contratada”, tendo en conta que “os expedientes instrúense a instancias do Goberno e a súa resolución tamén é adoptada polo Goberno, igual que a ponderación da contía das sancións que é potestativa”.

Estima o BNG que “este Goberno de Hernández actúa con celeridade e contundencia onde non debe e non o fai onde é preciso”, explicou, “e en casos como o gandeiro da Sionlla vemos unha sanción desproporcionada”. Puxo como exemplo o tipo de irregularidade que hai que cometer cun automóbil, con risco e perigo para a poboación, para ter unha multa semellante a esa contía, ademais de constituír un grave precedente para quen desenvolve a actividade agrogandeira no medio rural.

O grupo municipal do BNG reúnese con representantes do persoal de limpeza que non cobra os salarios