Iniciativa do BNG para crear emprego e revitalizar a Cidade Histórica cun viveiro de pequno comercio

Iniciativa do BNG para crear emprego e revitalizar a Cidade Histórica cun viveiro de pequno comercio

Propón unha actuación conxunta por parte do Consorcio, do Concello e das asociacións de comerciantes para a rehabilitación de locais pechados

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG en Santiago de Compostela, Rubén Cela, presentou unha iniciativa para pór en marcha, en colaboración coas asociacións de comerciantes, un viveiro de pequeno comercio na Cidade Histórica e unha liña de axudas á rehabilitación de locais para favorecer a súa revitalización e a creación de emprego.

Explicou que esta iniciativa xorde logo de contrastala coa asociación de comerciantes Compostela Monumental, para favorecer a creación de emprego e o apoio a persoas emprendedoras, ademais de incidir na diversificación comercial e na apertura de locais baleiros na zona vella.

En Santiago de Compostela hai dúas instalacións importantes no ámbito do viveiro de empresas, o edificio de Emprendia, xestionado por Uninova e participada polo Concello e mais a Universidade. Ademais, no Polígono de Costa Vella hai outro viveiro de empresas xestionado pola Cámara de Comercio, que vén de recibir un premio estatal pola súa actividade referencial, bo facer, boas prácticas e as actividades complementarias para emprendedores, explicou Rubén Cela en rolda de prensa.

Para o BNG, este é un modelo innovador, “pois non sería concentrar nun único edificio oficinas, senón que sería un viveiro disperso na zona histórica.” “Pode haber unha actuación conxunta por parte do Consorcio, do Concello e das asociacións de comerciantes, e tamén emprender actuacións complementarias como axudas á rehabilitación deses locais, programas específicos para a instalación de novas actividades e asesoramento”, explicou.

Faise imprescindíbel compaxinar habitantes e visitantes. “O pequeno comercio, sobre todo con venda de produtos de proximidade elaborados na comarca ou na Galiza, vai ser clave para activar a economía local e favorecer a creación de emprego e mais a revitalización desta zona”, recolle o texto da proposición que se debaterá no Pleno.

Para mellorar a Cidade Histórica e a calidade do seu comercio cara aos vindeiros anos, o feito de impulsar un viveiro de empresas con locais baleiros, xunto con políticas de reactivación comercial como factores transversais para o obxectivo de gañar poboación na zona histórica ou de potenciación de actividades en tempada baixa, poden mellorar a vitalidade deste espazo tan atractivo que mantén diversas rúas na escuridade e un elevado número de estabelecementos sen actividade ou abandonados.

Iniciativa do BNG para crear emprego e revitalizar a Cidade Histórica cun viveiro de pequno comercio