Modificar os orzamentos para crear un plan de loita contra a pobreza e un bonobús para desempregados

Modificar os orzamentos para crear un plan de loita contra a pobreza e un bonobús para desempregados

A alegacións do grupo municipal do BNG correspóndense con propostas realizadas en diversas iniciativas trasladadas ao Pleno

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, anunciou as alegacións “que pretenden reconducir os orzamentos municipais para 2014” e incrementar as partidas destinadas a gasto social, creación de emprego e mellora de vías urbanas e de camiños rurais, entre outros.

Sobre as modificacións puntuais, segundo explicou, o BNG propón a redución de 24 partidas de gasto por importe de 2,4 millóns de euros e o aumento de 7 partidas de gasto e a creación de 5 partidas novas.

As partidas que propón reducir o BNG son as relativas a propaganda e publicidade, protocolo, dietas, estudos e gastos diversos; pola parte de aumentos de gasto propón o aumento das partidas destinadas a vías públicas, infraestruturas e obras de investimento (de 370.000 euros a 700.000 euros) “porque o estado do viario debe ser unha das prioridades para 2014”; nos capítulos de emprego, subir a partida de actividades (94.000 até 500.000); en medio rural, no relativo a reparación e mantemento de camiños rurais (80.000 a 120.000), saneamento e abastecemento (100.000 a 220.000); en normalización lingüística (de 36.000 a 46.000) e en benestar social, atencións benéficas e asistenciais (de 370.000 a 573.000 euros).

Programa de loita contra a pobreza, material escolar, bolsas de comedor, bonobús gratuíto para desempregados e un Consello de Cooperación

En canto ás actuacións novas, o BNG propón un programa urxente de loita contra a pobreza orzado en 500.000 euros, axudas para material escolar para familias necesitadas por importe de 100.000 euros, bolsas de comedor escolar no período non lectivo para familias con dificultades económicas por 280.000 euros, bonobús para persoas desempregadas por 150.000 euros e a creación dun Consello municipal do Cooperación que tería como finalidade a coordinación da axuda realizada por diferentes ONG e as actuacións municipais por importe de 300.000 euros.

As partidas de axuda contra a emerxencia social supoñen un incremento de 1,5 millóns de euros “porque este é o ámbito prioritario no que hai que actuar en 2014 xa que hai máis de 22.000 persoas en situación de risco de exclusión social e máis de 4.000 persoas sofren pobreza extrema en Santiago de Compostela”; en segundo lugar, proponse subir a cantidade asignada á creación de emprego e en terceiro lugar os investimentos produtivos “que terían maior retorno para a cidade, como a reparación das vías e das beirarrúas que, ademais de xerar postos de traballo, son imprescindíbeis e urxentes”.

Estas alegacións do grupo municipal do BNG correspóndense con propostas realizadas en diversas iniciativas que a formación nacionalista trasladou ao Pleno. Ademais, rexistráronse catro alegacións máis de carácter técnico ás bases de execución do orzamento, “que consideramos que non se axustan a dereito, como a non cuantificación dos xuros dese crédito de 6 millóns de euros; coa mala contabilización de gastos diversos e outras de carácter técnico”. As alegacións do BNG contemplan, entre outras, observacións como que a aprobación inicial dos orzamentos foi incorrecta porque o capítulo I de Persoal non se trasladou á Mesa de Negociación.

Modificar os orzamentos para crear un plan de loita contra a pobreza e un bonobús para desempregados