A obra de Galeras é mostra da improvisación do PP e da falta de respecto ás normas e á veciñanza

A obra de Galeras é mostra da improvisación do PP e da falta de respecto ás normas e á veciñanza

No último Pleno ordinario o BNG requiriu a paralización desta actuación mentres non se pronuncie a Xustiza e se esclareza o interese público que a xustifique

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista de Santiago, Rubén Cela, indicou a preguntas de xornalistas sobre a paralización das obras de Galeras por falta da licenza urbanística que o BNG foi “especialmente crítico coa tramitación deste proxecto”. “As obras de Galeras son unha mostra máis de como traballa este Goberno municipal, cunha absoluta improvisación e cunha falta de respecto ás normas e ás persoas que deberan representar como son os veciños e as veciñas de Santiago”, expresou.

Lembrou que o BNG puxo en dúbida que se afirmase por parte do Goberno municipal que non era necesaria licenza urbanística para esta obra, “algo que tamén se puido evidenciar cando se colocou o cartel da obra no valado, onde faltaba ese número de licenza porque non existía”.

Evidentemente, proseguiu, facía falta licenza urbanística, a pesar do que expresara en reiteradas ocasións a portavoz do Goberno María Pardo. Agora esa obra está paralizada, cando menos, mentres a parte privada tramita esa licenza urbanística necesaria para realizar o proxecto.

Para o BNG, esa paralización debería ser total ou cando menos mentres non se pronuncie a Xustiza a respecto da denuncia presentada polos veciños e veciñas de Galeras que foi admitida a trámite e pola que o Concello de Santiago tivo que remitir á sede xudicial a documentación oportuna.

Sinalou, ademais, que no último Pleno ordinario, o BNG requiriu a paralización desta obra precisamente para evitar “que haxa feitos que non sexan reversíbeis”.

Preguntado sobre o feito de que agora o PP se desdiga das súas afirmacións, subliñou que “María Pardo ten unha amnesia selectiva do que di e do que non di, pero para iso están as hemerotecas e as gravacións das comparecencias de prensa, porque o que dixo foi moi claro e mesmo llo contou in situ á veciñanza de Galeras; díxolles que non facía falta esa licenza, cando era evidente que iso non era así”.

Máis alá da licenza, o BNG puxo en dúbida tamén o feito de que esta actuación non tivera unha fase de exposición ao público “tendo en conta que vai existir un cambio de uso desa parcela, ademais do tipo de licitación, que vai ser exclusivamente por parte do promotor privado cando vai haber unha actuación en espazo público, e outras cuestións que están en sede xudicial”.

“O sensato, prudente e lóxico sería paralizar todo o proceso e agardar a que se pronuncie a Xustiza e, se o Concello quere seguir adiante, que clarifique os aspectos de interese público que xustifican esa obra e que reúna os requisitos legais imprescindíbeis para a súa realización”, explicou o portavoz nacionalista.

A obra de Galeras é mostra da improvisación do PP e da falta de respecto ás normas e á veciñanza