Rafael Vilar reclama que o Concello de Santiago organice actos arredor do Día de Rosalía de Castro

Rafael Vilar reclama que o Concello de Santiago organice actos arredor do Día de Rosalía de Castro

“Como noutros moitos temas, dende 2011, cando entrou o PP no Goberno do Concello de Santiago hai unha regresión no uso da lingua na cidade”

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2015.- O concelleiro do BNG Rafael Vilar presentou en rolda de prensa unha iniciativa que defenderá no Pleno da vindeira semana destinada á realización de actividades de promoción arredor da declaración do Día de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro de 2015, en coincidencia coa data do seu nacemento en 1837 que contribúan a revitalizar a lingua galega.

O BNG entende que hai que pór en valor a figura e a obra de Rosalía de Castro e “máxime nunha cidade coma a nosa, Santiago de Compostela, que ten tanta vinculación coa nosa escritora nacional”, explicou Rafael Vilar. Trátase dunha figura clave na historia do noso país, na lingua galega e na literatura universal.

O concelleiro lembrou que o BNG levara hai tres anos unha iniciativa similar ao Pleno, que se concretou en declarar o 24 de febreiro como Día de Rosalía, “mais non comportou ningunha actuación por parte do Concello de Santiago de Compostela”.

Así, Rafael Vilar vinculou esta reivindicación da figura de Rosalía coa situación da lingua, logo de coñecer os “datos preocupantes” que publicou o Instituto Galego de Estatística onde se aprecia un “descenso importante do uso do galego e iso esixe que, por parte dos poderes públicos e, en concreto do Concello de Santiago de Compostela, que tomen en serio eses datos e a necesidade de estabelecer políticas públicas que axuden á súa revitalización”.

“Como noutros moitos temas, dende 2011, cando entrou o PP no Goberno do Concello de Santiago hai unha regresión no uso da lingua”, pois con anterioridade houbera “un impulso importante na normalización e na posta en valor do galego, que desapareceu nos últimos anos”. Reclamou, deste xeito, que o Goberno municipal “mude estas políticas e se involucre para darlle vitalidade ao galego, con actividades e actuacións que vaian nese camiño”.

Rafael Vilar reclama que o Concello de Santiago organice actos arredor do Día de Rosalía de Castro