Rubén Cela atribúe as cargas policiais durante a visita de Merkel á “desvalorización democrática"

Rubén Cela atribúe as cargas policiais durante a visita de Merkel á “desvalorización democrática"

“A actuación policial foi desproporcionada e arbitraria ao impedirlles o acceso á praza da Quintana a persoas que pacificamente se querían manifestar”

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, atribuíu as cargas policiais efectuadas durante a visita de Merkel e Rajoy a Santiago de Compostela á “desvalorización democrática” que impulsan o PP e a Troika coas súas políticas. “Coa escusa da seguridade, non se poden coartar nin a liberdade de expresión nin o dereito a manifestarse”, engadiu.

Na protesta contra esta visita simbolizouse que “en Galiza hai xente que non concorda coa actitude de submisión e pleitesía do Goberno español diante da chanceler alemᔠe que non está disposta “a aplaudir unhas políticas de austericidio impulsadas por Alemaña e aplicadas ao ditado polo PP que tanto sufrimento provocaron no noso país”.

Para Rubén Cela, está ben que Merkel quixera visitar o Camiño de Santiago, pero Rajoy en vez de negociar os postos para De Guindos e Cañete podería negociar o levantamento do veto dos estaleiros de Ferrol e buscar solucións para a flota pesqueira e para o sector lácteo, ou mesmo visitar as oficinas do paro, a cociña económica, os bancos de alimentos ou o aeroporto de Lavacolla de onde parte a mocidade galega en busca de oportunidades laborais como consecuencia da falta de oportunidades que deixan en Galiza a crise a as políticas da Troika.

Así, lembrou que estaba convocada unha concentración pacífica para amosar o rexeitamento de diferentes colectivos ás políticas impulsadas por Merkel e aplicadas ao ditado por Rajoy. Nese sentido, afirmou, “non era casual que a convocatoria fose na praza do Obradoiro, que sería o propio”. “O BNG sempre comunica en tempo e forma á Delegación do Goberno calquera mobilización mais se así non se fixo nesta ocasión foi polo secretismo co que se levou esta visita, polo que era imposíbel poder comunicalo con 10 días de antelación como está estipulado, cando eles mesmos cambiaron no propio día o protocolo da visita á Catedral”, indicou.

O BNG entende que haxa medidas de seguridade nun encontro deste tipo, pero a actuación policial foi “desproporcionada e arbitraria” ao impedirlles o acceso á praza da Quintana a cidadáns e cidadás que libre e pacificamente se querían manifestar.

Finalmente producíronse cargas policiais “perfectamente evitábeis e que puideron ter consecuencias moito máis graves se temos en conta que unha parte importante eran persoas xubiladas da plataforma de emigrantes retornados”, sinalou.

Rubén Cela atribúe as cargas policiais durante a visita de Merkel á “desvalorización democrática"