Rubén Cela: “Coa reforma electoral de Rajoy, o PP pretende prohibir as coalicións post-electorais”

Rubén Cela: “Coa reforma electoral de Rajoy, o PP pretende prohibir as coalicións post-electorais”

“Trátase dun pucheirazo electoral sen precedentes na etapa democrática do Estado español”

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, anunciou que o BNG trasladará ao Pleno de setembro o debate sobre a reforma electoral. En rolda de prensa, manifestou que con este “pucheirazo electoral” que impulsa o PP, “Agustín Hernández foi o primeiro alcalde en saír aplaudir esa reforma porque é consciente que sen esa trampa que converte por arte de maxia un 40% nun 50% dificilmente volverá ser alcalde de Santiago de Compostela e porque é o número 3 do PPdeG e sabe que sen esa modificación é imposíbel que o seu partido manteña as cotas de poder que ten en Galiza”.

“Trátase dun pucheirazo electoral sen precedentes na etapa democrática do Estado español”, indicou, “porque o PP quere ser árbitro e parte e modificar as normas de xogo en medio do partido para garantir que sempre gaña”. Así, preguntouse “que é máis democrático, que prime a vontade do 40% da poboación ou a do 60%, posto que o PP con esta reforma pretende prohibir os pactos post-electorais para que só poida gobernar a lista máis votada e incriminar a cultura democrática da coalición”. “A negociación, o diálogo e a busca de consenso son intrínsecos a unha democracia real”, sinalou, “mentres que o inmobilismo e a foto fixa é máis propia doutros réximes”.

Unha sociedade plural precisa un mecanismo electoral que traduza a pluralidade en representación, non que a constrinxa ou a limite. “Di o PP que as maiorías absolutas garanten a estabilidade, mais pódese comparar a estabilidade dos anteriores 12 anos de gobernos de coalición sen maiorías absolutas en Santiago e a falta de estabilidade destes tres anos do PP con tres alcaldes”, explicou.

Cuestionou tamén que o feito de que un partido político, unha parte por definición, non debe modificar as regras do xogo político “que afectan a todos os partidos e a toda a estrutura democrática”. Estas cuestións deben ser consensuadas entre todas as forzas políticas que representan o pobo, mais o PP está disposto a aprobar estas leis sen o apoio das demais formacións políticas tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galiza.

Se o PP apostase pola rexeneración democrática mediante a reforma da lei electoral, introduciría contidos diferentes ao da Lei d`Hont que sobredimensiona a forza máis votada, a modificaría a circunscrición provincial que posibilita que hoxe un voto en Lugo valga o dobre que en Santiago e cambiaría os límites dos mínimos legais para acceder ao reparto de escanos que imposibilita que as forzas pequenas e emerxentes teñan facilidades para ter representación institucional, explicou Rubén Cela.

Rubén Cela: “Coa reforma electoral de Rajoy, o PP pretende prohibir as coalicións post-electorais”