Rubén Cela: “Non toleramos prácticas inquisitoriais e de persecución política e sindical ao persoal"

Rubén Cela: “Non toleramos prácticas inquisitoriais e de persecución política e sindical ao persoal"

O grupo municipal do BNG, xunto co portavoz nacional Xavier Vence e a deputada Ana Pontón, solidarizáronse co persoal municipal na concentración convocada ás portas do pazo de Raxoi

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista en Raxoi expresou o apoio e solidariedade do BNG ao conxunto dos traballadores e traballadoras deste Concello e aos seus representantes sindicais. “Basta xa de persecucións e de políticas inquisitoriais propias doutros tempos”, afirmou Rubén Cela en referencia ás conversas que transcenderon no marco da investigación da operación Pokemon.

“Como organización política non estamos dispostos a tolerar prácticas inquisitoriais e de persecución política e sindical ao persoal deste Concello”, afirmou. Por iso o BNG secundou a concentración convocada pola xunta de persoal e ao máximo nivel, coa participación do portavoz nacional Xavier Vence e da deputada Ana Pontón, “porque o que acontece dende unha perspectiva laboral neste Concello sobarda, como moito, o ámbito e as responsabilidades locais”.

“Non só existe unha motivación en base ao levantamento parcial do sumario da operación Pokemon, onde se coñecía esa verbalización gravísima que non xustifica nin unha quentura nin ningún arrefriamento”, indicou. Resulta “inxustificábel” que un cargo público verbalice o que se constatou, con independencia de que logo sexa executado ou non, como o que dixo o concelleiro Adrián Varela, agregou.

Ademais, segundo explicou Rubén Cela, constátase que houbo un afastamento de habilitados nacionais como unha interventora e un secretario por cuestións que nada tiñan que ver coa súa boa profesionalidade, coñécese que houbo prácticas inadmisíbeis e intolerábeis nunha institución democrática como as que destapou a operación Carril, co coñecemento do alcalde, para abrir expediente a un traballador municipal; ou cando outro concelleiro do PP intentaba cuestionar a profesionalidade doutro traballador co vínculo de que concorrera nunhas eleccións municipais, en concreto nunha candidatura do BNG.

Non é un sumatorio de feitos illados, senón unha “práctica xeneralizada e mantida no tempo dende a chegada do PP ao Goberno de Santiago e a ninguén lle pode resultar indiferente porque crea complicidade co que se fai e nestes casos non teñen cabida as ambigüidades”. Cunhas declaracións así, o concelleiro de Deportes “non pode seguir un minuto máis nas súas responsabilidades públicas”.

Rubén Cela: “Non toleramos prácticas inquisitoriais e de persecución política e sindical ao persoal"