Rubén Cela tacha de despropósito a xestión de Compostela Aberta cos comedores escolares

Rubén Cela tacha de despropósito a xestión de Compostela Aberta cos comedores escolares

Todo o proceso é un disparate e pon de manifesto a incapacidade do Goberno municipal

Santiago de Compostela, 05 de xaneiro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, esixe unha explicación ao alcalde a respecto do que vai acontecer coa xestión dos comedores escolares. “Non queremos crear ningunha alarma ás familias, porque evidentemente o servizo seguirá prestándose o xoves, no entanto cónstanos que a día de hoxe, dous días antes de reiniciárense as aulas, non está adxudicado formalmente o servizo”.

Para o BNG, o importante é garantir que os nenos e as nenas poidan ter ese servizo de comedores e nas mellores condicións posíbeis, afirmou, mais non é indiferente que ese servizo dende o 13 de novembro estea sen cobertura contractual. “Non se pode facer peor por parte do Goberno local en servizos tan sensíbeis como a xestións das escolas infantís e os comedores escolares”, dixo.

Referiuse tamén a que o concelleiro de Educación, Manolo Dios, asegurou que o día 7 de xaneiro estaría funcionando a nova empresa concesionaria do servizo de comedores escolares, a día de hoxe, engadiu Rubén Cela, todo apunta a que “é difícil que ese compromiso sexa realidade o vindeiro xoves”.

Para o BNG todo o proceso é un disparate, e pon de manifesto a incapacidade e as dificultades que ten o Goberno municipal, xa non para sacar adiante grandes proxectos de cidade, senón de asumir a xestión ordinaria do Concello. “Esta mala xestión sófrena os nenos e nenas, pais e nais, e o persoal contratado pola empresa concesionaria”, explicou.

“Preocúpanos que é o que vai acontecer cos comedores escolares o vindeiro xoves e cremos que o Goberno local debe unha explicación a toda a veciñanza”, concluíu o portavoz nacionalista.

Rubén Cela tacha de despropósito a xestión de Compostela Aberta cos comedores escolares