Ana Pontón defende no Parlamento a recuperación do proxecto de vivenda protexida en Xoán XXIII

Ana Pontón defende no Parlamento a recuperación do proxecto de vivenda protexida en Xoán XXIII

Instou á Xunta a “abandonar a política urbanística que só favorece a especulación” e a traballar “por garantir o dereito á vivenda”

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2015.- A deputada Ana Pontón defendeu en comisión parlamentar unha proposición non de lei para instar á Xunta a destinar a parcela que posúe o Instituto Galego de Vivenda e Solo en Xoán XXIII, en Santiago de Compostela, á construción de vivenda protexida, co impulso do proxecto iniciado para construír 40 vivendas ofertadas en réxime de alugueiro a menores de 35 anos.

En Santiago de Compostela, no espazo onde conflúen a rúa Xoán XXIII e a Costa Nova de Arriba, a tan só 350 metros da praza do Obradoiro, o Instituto de Vivenda e Solo conta cunha parcela en propiedade de 1.600 metros cadrados valorada en 2,9 millóns de euros. Esta parcela ía ser destinada á construción de vivenda protexida en virtude dun acordo de 2003 entre a Xunta de Galiza e o Concello de Santiago, explicou a deputada Ana Pontón, mais coa chegada de Agustín Hernández á Alcaldía cambiou o proxecto inicialmente previsto.

En concreto, o proxecto inicial pretendía construír 40 vivendas para mozos e mozas de menos de 35 anos e en réxime de alugueiro, por un tempo máximo de dez anos e sen dereito a compra. “Esta medida pretendía evitar a especulación e, sobre todo, introducir vivenda protexida na malla urbana como elemento de cohesión social e de valorización da propia figura de vivenda protexida que, na maioría das ocasións, queda relegada á periferia das cidades”, indicou.

Así, Ana Pontón instou á Xunta a abandonar a política urbanística que “claramente favorece a especulación” e a traballar “por garantir o dereito á vivenda”, xa que existen en Santiago de Compostela 397 persoas rexistradas que demandan vivenda en alugueiro, que se ven afectadas pola crise económica que impide a emancipación da xente nova.

O cambio de uso desta parcela lembra as operacións urbanísticas de Conde Roa

Na segunda quenda de intervención, recordou a deputada nacionalista que Agustín Hernández, con anteriores competencias en Vivenda na súa etapa na Xunta, unha das primeiras decisións que adoptou no ámbito urbanístico á súa chegada á Alcaldía de Santiago foi querer cambiar o uso desta parcela de Xoán XXIII, “nunha operación que lembra moito as accións de Conde Roa”. “En Santiago de Compostela, cambiaron as caras dos alcaldes do PP pero non as formas nin as intencións”, afirmou.

Esta iniciativa do BNG contou co apoio de AGE, Grupo Mixto e PSOE, mais foi rexeitada polo grupo parlamentar do PP.

Ana Pontón defende no Parlamento a recuperación do proxecto de vivenda protexida en Xoán XXIII