PLENO

O BNG abstense na aprobación definitiva do Orzamento para 2018

pleno
Intervención de Xabier Picón, representante do persoal municipal

“O Goberno municipal fai unha interpretación absolutamente conservadora e restritiva da norma para rexeitar as alegacións”, explicou Rubén Cela

O BNG abstense na aprobación definitiva do Orzamento para 2018

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2018.- O BNG, no Pleno de aprobación definitiva do Orzamento municipal para 2018, abstívose logo da proposta de Compostela Aberta de rexeitar as demandas do persoal municipal trasladadas en forma de alegacións pola CIG, cunha representación da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa na sesión plenaria e cunha intervención “clara, concisa e cargada de argumentos”, en palabras de Rubén Cela. Segundo explicou o portavoz municipal nacionalista, estas reclamacións non son “un problema técnico, son un problema político e a posíbel solución tamén é política”, indicou.

Para o BNG, o Goberno municipal está a facer unha interpretación “absolutamente conservadora e restritiva da norma” que, como leva 6 anos advertindo Rubén Cela, “é materialmente imposíbel que un veciño, unha veciña ou colectivo consigan que se aprobe unha alegación súa ao Orzamento municipal”. Así referiuse ao paradoxo de que existe un período de exposición pública para que a veciñanza poida alegar “mais coa interpretación realizada é imposíbel que se acepte unha alegación”. Evidénciase deste xeito que o período de exposición pública do orzamento é un trámite burocrático ao que obriga a lei, mais non vale para nada porque despois se imposibilita que prosperen as alegacións; “todo un paradigma da participación cidadá”, expresou Rubén Cela.

Sinalou tamén que as alegacións do persoal municipal, que desbotou o Goberno local, non supoñen ningún incremento de gasto, senón que significan unha reestruturación do crédito. Incúmprese un compromiso do alcalde cos traballadores e traballadoras que, pese a non ser vinculante, é “unha obriga ética e política”.

Destacou ademais que a relación de postos de traballo (RPT) non se adapta á realidade e o grupo de goberno “é plenamente consciente mais non fai nada por remedialo”. Do mesmo xeito, dixo, que a CIG reclama unha rectificación dos complementos específicos mal aplicados posto que non se cumpre o principio de “a traballos iguais, complementos específicos iguais”.

 

 

O BNG abstense na aprobación definitiva do Orzamento para 2018