FOLGA XERAL

O BNG anima a secundar a folga xeral do 19 de xuño para recuperar os dereitos laborais

FolgaXeral19X
Folga Xeral 19X

Con esta convocatoria esíxese a derrogación das reformas laborais e da negociación colectiva que debilitan a clase traballadora e precarizan o emprego

O BNG anima a secundar a folga xeral do 19 de xuño para recuperar os dereitos laborais

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2018.- O grupo municipal do BNG de Santiago anima a secundar a folga xeral convocada pola CIG para o 19 de xuño como resposta necesaria da clase traballadora para demostrarlle ao poder económico e político a disposición de loitar pola recuperación dos dereitos e por un futuro digno.

Con esta convocatoria, esíxese a derrogación das reformas laborais e da negociación colectiva, que debilitan a clase traballadora, precarizan o emprego e estabelecen novas formas de explotación laboral. Deféndese tamén avanzar en dereitos para as mulleres. A Folga do 8 Marzo debe traducirse no remate da fenda salarial, da temporalidade, do acoso sexual e laboral e das discriminacións por maternidade.

Outro dos motivos vai destinado a defender as pensións públicas. O PP non pode desoír o clamor social de pensións dignas, a folga é a mellor defensa ante a próxima reforma do Pacto de Toledo. As medidas anunciadas nos Orzamentos son un engano, se non se derrogan as reformas de 2011 e 2013, o roubo ás pensións seguirá.

O Goberno de Mariano Raxoi prepara un novo recorte ao sistema de protección por desemprego, unificando as prestacións asistenciais para reducir o tempo e as contías dos subsidios.

Na táboa de reivindicacións da folga está tamén acabar cos recortes sociais e a privatización de servizos públicos, lograr a derrogación da LOMCE e da Lei de Saúde da Xunta de Feixoo; para que o Ensino e a Sanidade sigan sendo galegas, públicas, universais, gratuítas e de calidade.

Quérese tamén impedir o retroceso nas liberdades democráticas e nos dereitos fundamentais, da Lei Mordaza e da última reforma do Código Penal. Aposta tamén pola rexeneración democrática fronte á corrupción actual, ante a crise política e institucional do réxime imposto coa Constitución do 78, que pretenden perpetuar a toda costa.

Ademais, a convocatoria defende conquistar o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra. Para que a riqueza dos nosos recursos se utilicen para industrializar, crear postos de traballo dignos e mellores servizos públicos, co fin de que as persoas  emigrantes poidan retornaren.

O BNG anima a secundar a folga xeral do 19 de xuño para recuperar os dereitos laborais