PLENO

O BNG consegue que se aprobe a creación dunha tarxeta cidadá para unificar a xestión de servizos e axudas municipais

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi
Saen adiante tamén por unanimidade as declaracións institucionais impulsadas polo BNG para a divulgación do legado de Isaac Díaz Pardo e para facer un roteiro de Rosalía de Castro
O BNG consegue que se aprobe a creación dunha tarxeta cidadá para unificar a xestión de servizos e axudas municipais

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2020.- O grupo municipal do BNG conseguiu que se aprobasen tres acordos mediante declaración institucional para a divulgación do legado de Isaac Díaz Pardo no centenario do seu nacemento, para sinalizar un roteiro de Rosalía de Castro que permita coñecer a traxectoria e vinculación desta escritora con Santiago e para pór en marcha unha tarxeta cidadá para facilitar o pagamento e bonificación de servizos e axudas municipais destinada ao conxunto das persoas empadroadas en Santiago. Aprobouse ademais unha moción conxunta de BNG, PSOE e CA para apoiar a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para o 9 de febreiro.

Co acordo plenario para crear a tarxeta cidadá multiservizo, que xa se utiliza noutros concellos, contribuirase a unificar a identificación persoal para o pagamento e obtención de beneficios de prestacións sociais co fin de contribuír a paliar socioloxicamente o estigma da pobreza e da exclusión. Os servizos que se poderán incluír, de xeito progresivo, serán o transporte público, parquímetros da ORA, actividades dos centros socioculturais e instalacións deportivas, Escola Municipal de Música e espectáculos culturais, entre outros; mais tamén poderá utilizarse como tarxeta moedeiro para a adquisición de material escolar, bolsas de comedor e bonotaxi para persoas con diversidades.

Aprobouse tamén unha moción do BNG, cunha emenda transaccional co PSOE, para a recuperación de esculturas do Coro do Mestre Mateo da Catedral de Santiago de Compostela, do Mosteiro de San Paio de Antealtares e do Convento de Santa Clara, así como outras pezas de gran valor patrimonial para Galiza, que se encontran no Museo Arqueológico Nacional de Madrid. Segundo explicou a portavoz municipal Goretti Sanmartín no Pleno, hai máis de 30 pezas galegas que se atopan na colección deste museo e esta demanda para a súa recuperación parte dun movemento que reclama que pezas usurpadas tempo atrás sexan rescatadas e exhibidas nos lugares de orixe e a vía natural para conseguir este patrimonio galego debe ser pola propia vontade política, xa que está en mans dunha institución do Estado.

Así, acordouse demandar do Goberno do Estado que se impulse un acordo coa Xunta de Galiza para a cesión do patrimonio galego que se exhibe no Museo Arqueológico Nacional do Ministerio de Cultura. O segundo punto é para instar a Xunta de Galiza e a Igrexa a dotar do equipamento e dos recursos técnicos, económicos e humanos que garantan a preservación e exposición pública deste patrimonio singular da nosa cultura nos seus lugares de orixe.

Aprobouse tamén unha declaración institucional destinada a desenvolver un programa municipal de actividades sobre Isaac Díaz Pardo no centenario do seu nacemento, co fin de recoñecer o legado que deixou para a capital de Galiza este pintor, deseñador, ceramista, escritor, promotor cultural, editor e empresario compostelán. Entre os acordos inclúese erixir unha escultura, realizar un mural de Isaac Díaz Pardo e promover un documental sobre a súa traxectoria.

Ademais, acordouse por unanimidade a proposta de restauración da escultura en homenaxe a Rosalía de Castro que se atopa no parque da Alameda de Santiago de Compostela, erixida en 1917 por subscrición popular. O 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía de Castro co obxecto de difundir a obra, o pensamento e o impulso ao idioma galego que supuxo a recuperación do uso literario por parte da escritora galega máis universal, recolle o texto da declaración institucional. Entre as propostas para a celebración desa xornada, ademais das actividades de lectura pública da súa obra, o Concello de Santiago sinalizará un roteiro de xeito permanente nos lugares máis destacados da traxectoria vital e profesional da escritora con información da súa vinculación á cidade.

Outra moción -asinada por BNG, PSOE e CA- foi para apoiar a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para o vindeiro 9 de febreiro en Compostela. Na iniciativa demándaselle ao Goberno galego a adecuación dos Orzamentos ás necesidades dos centros de saúde e á dotación do persoal preciso para garantir una atención accesíbel e de calidade, ademais de esixir o cese da política de desmantelamento e peche de servizos nos hospitais da nosa área sanitaria, reducir as listas de espera e tempos de demora de atención especializada e desenvolver un Plan de Mellora da Atención Primaria, da Saúde Mental e de Atención á Saúde das Mulleres, entre outros acordos. Ao abeiro desta moción interveu no Pleno un representante da Plataforma SOS Sanidade Pública.

No apartado de rogos, o BNG reclamou un plan de mellora da sinalización dos pasos de peóns para contribuír a reducir o número de accidentes en Santiago de Compostela, a realización dunha campaña informativa para crear bos hábitos que favorezan a recollida de residuos xunto coa mellora da xestión por parte das empresas que prestan este servizo e, por último, darlle unha solución á zona habilitada como aparcadoiro na contorna do centro de saúde das Fontiñas para evitar que os vehículos mal estacionados impidan o acceso.

Entre as preguntas formuladas, destaca saber cando ten previsto o Goberno local realizar a convocatoria de proxectos para o Fondo Galego de Cooperación neste 2020, posto que en Santiago de Compostela hai numerosas persoas e entidades de solidariedade e cooperación con países en desenvolvemento que fan un destacado labor para a loita contra as desigualdades e se viron afectadas porque en 2019 non se chegou a publicar a convocatoria.

Outra das preguntas foi para coñecer cando se vai arranxar e recuperar o funcionamento das fontes ornamentais de Santiago de Compostela, ademais de reclamar que se realice un mantemento adecuado. Inquiriuse tamén sobre a necesidade de activar os paneis informativos dos autobuses urbanos que, con frecuencia, ven interrompido o servizo de información das marquesiñas, o que dificulta o manexo de horarios e tempos de espera. Nesta ocasión, pódense sinalar os paneis da parada de autobús da Pastoriza, da avenida Castelao e da avenida do Camiño Francés e mesmo o propio da estación de autobuses rexistra erros de funcionamento, segundo queixas recibidas no grupo municipal do BNG que se trasladaron ao Pleno.

O BNG consegue que se aprobe a creación dunha tarxeta cidadá para unificar a xestión de servizos e axudas municipais